A Xunta adxudica preto de 200.000 euros en axudas ao talento audiovisual para 19 proxectos de guión, webseries, curtas e longametraxes

Publícase a resolución de concesión da convocatoria de 2022, que selecciona na modalidade de longas as propostas de Alejandra Aguirre, Miramemira e Ángel Santos, mentres que ‘Nómade e Pulp air’ son as beneficiarias no apartado de series para a rede

Subvenciónanse tamén as curtametraxes presentadas por Indígenas Films, Kraken Films, Miguel Canalejo, Gonzalo Javier Caride Baquero, Jorge Juan Costas Mira, Alejandro Jato, Carmen Méndez Lamas e Rocío Torres Pumeda

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades apoia tamén os traballos de escrita de Claudia Brenlla, Fon Cortizo, Álvaro Fernández Fernández, Lorena Iglesias Lista, Lois Patiño e Alberto Vázquez
 

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2022.-

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar as subvencións á creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento galego, a través das que distribúe 194.000 euros entre os 19 proxectos seleccionados na convocatoria de 2022. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades impulsa, así, a realización de seis guións para longametraxes, dúas webseries, tres longametraxes e oito curtas.

 

A resolución, que xa se pode consultar na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, indica que 30.000 euros se destinan á modalidade A, centrada en promover proxectos de escrita de guión. A mesma linguaxe (a illa de antes), de Claudia Brenlla; Abellón, de Fon Cortizo; Juan Sen Terra, de Álvaro Fernández Fernández; Feismo, de Lorena Iglesias Lista; Panta rhei, de Lois Patiño, e Decorado, de Alberto Vázquez foron os proxectos mellor puntuados no apartado de escrita de guión, polo que recibirán unha subvención de 5000 euros en cada caso.

 

Pola súa banda, cada unha das propostas subvencionadas na categoría destinada ás longametraxes −Pausa na présa, de Alejandra Aguirre Ordóñez; Da túa man para a miña, de Miramemira, e Deuses de pedra, de Ángel Santos− recibirán 30.000 euros para impulsar a súa realización, mentres que Pulp air, de Henfunk, e Nómades, de Mala Herba Producións, son as dúas webseries elixidas no seu ámbito. Cada unha delas recibe unha axuda de 15.000 euros. 

 

O apoio do Goberno galego a través das axudas ao talento audiovisual no caso das curtametraxes divídese en dúas submodalidades. A primeira destínase a fitas en galego xa rodadas e que realicen os traballos de posprodución na Comunidade. Nesas circunstancias atópanse as producións O íntimo (de vivir unha corentena), de Indígena Films, e Compañeiros, de Kraken Films, que se reparten 8.000 euros.

 

O segundo subapartado distribúe 30.000 euros entre seis curtametraxes de futuro desenvolvemento: O coidado, de Miguel Canalejo; Un novo día, de Gonzalo Javier Caride Baquero; O monstro e a nena, de Jorge Juan Costas Mira; Curmán, de Alejandro Jato;  Recordar con elas, de Carmen Méndez Lamas, e Parafuso, de Rocío Torres Pumeda.

 

Estratexia de fomento e Hub Audiovisual

Esta convocatoria de 2022 insírese no programa anual de fomento do sector que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e no marco da que tamén se apoian outras fases do proceso audiovisual con subvencións á produción e coprodución, ao desenvolvemento previo dos proxectos e á súa difusión e comercialización exterior, ademais de á organización de festivais galegos.

 

Durante o período 2021-2023, este plan de axudas compleméntase coas diferentes iniciativas postas en marcha pola Xunta ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultural, programa de apoio sen precedentes para acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do sector, que se traduce nun investimento de 9,6 millóns de euros durante o período 2021-2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Imaxes relacionadas