A Xunta adxudica por máis de 4,7 M€ as obras de mellora da depuradora de Tragove, que suporán un beneficio para os veciños de Cambados e de Vilanova de Arousa

As obras comezarán previsiblemente neste outono co fin de que en 2023 se poña á disposición de ambos os dous municipios unha depuradora mellorada e renovada

Duplicarase a capacidade de tratamento da planta, ampliando a decantación secundaria e incrementando os caudais de recirculación, ademais doutras melloras relacionadas coa obsolescencia de equipos

A Xunta complementará estas obras coa mellora do saneamento municipal de Cambados e de Vilanova de Arousa, cun investimento autonómico de 6,25 M€

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa avanzando no saneamento integral da ría de Arousa, esencial para a pesca, o marisqueo, o turismo, o medio ambiente ou a saúde pública

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2022

A Xunta adxudicou por máis de 4,7 millóns de euros a mellora da depuradora de Tragove, que beneficiará aos veciños de Cambados e de Vilanova de Arousa.

 

As obras, que supoñen un investimento total de máis de 5,3 millóns de euros, foron adxudicadas á empresa Extraco, Construccións e Proxectos, S. A., e teñen un prazo de execución de 15 meses.

 

A actuación enmárcase no convenio asinado entre a Xunta e os dous municipios citados no mes de novembro para a xestión da depuradora, de titularidade destes municipios, en virtude do cal Augas de Galicia continúa a asumir a xestión desta infraestrutura.

 

Os traballos iniciaranse previsiblemente este outono, polo que o obxectivo é que en 2023 os veciños de Cambados e de Vilanova dispoñan dunha depuradora mellorada e renovada.

 

A intervención permitirá case duplicar a capacidade de tratamento da planta. Entre outras melloras prevese adecuar o tratamento secundario e terciario. Unha vez executados os traballos, o caudal de tratamento secundario e terciario, pasará de 750 m³/h actuais a 1.200 m³/h.

 

Ampliarase a capacidade de decantación secundaria e incrementaranse os caudais de recirculación, purga e deshidratación de fangos, ademais doutras melloras relacionadas coa obsolescencia de equipos, sistemas e instalacións da actual planta, construída no ano 1993 e que, a pesar das diversas melloras realizadas, precisa dunha actualización.

Procederase ao desmantelamento de equipos obsoletos e demolicións, ademais de nova obra de entrada e canles de tamizado, actuacións no desareador e clasificador de areas, outras reparacións e saneamentos, e a mellora dos reactores biolóxicos. Tamén se executará un novo edificio de entrada, arquetas e novos decantadores, bombeos de fangos e novos edificios de deshidratación, de control e almacén e de soplantes.

 

Asimesmo, dotarase a depuradora dun sistema de monitorización enerxética, importante tendo en conta a suba da tarifa eléctrica e que este tipo de infraestruturas son claramente dependentes da enerxía.

 

Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa operativo 2014-2020.

 

Saneamento de Cambados e de Vilanova

A Xunta complementará estas obras coa mellora do saneamento municipal de Cambados e de Vilanova de Arousa, recollida nun segundo acordo asinado tamén en novembro.

 

O Goberno galego investirá un total de 6,25 M€ máis en dúas actuacións de mellora do saneamento, que permitirán laminar o caudal que entra na depuradora e resolver as deficiencias no sistema mancomunado de saneamento que comparten estes dous municipios e que ten destino final a depuradora de Tragove.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez vén apoiando aos concellos nas súas competencias e para avanzar no saneamento integral da ría de Arousa, esencial para a pesca, o marisqueo, a acuicultura ou o turismo, ademais de para o medio ambiente e a saúde pública.