A Xunta financia un proxecto de Faxpg para a atención logopédica de menores xordos ou con discapacidade auditiva

Destínanse 12.000 euros a esta iniciativa que tamén contempla o asesoramento ás familias e o impulso de actividades de carácter informativo, de difusión e sensibilización no ámbito educativo

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, financia con 12.000€ un convenio de colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg) para o desenvolvemento dun servizo de atención logopédica para menores xordos ou con discapacidade auditiva e as súas familias. O acordo permitirá potenciar as habilidades comunicativas en lingua de signos dos menores con discapacidade auditiva e o asesoramento nesta materia aos seus familiares.

 

En concreto, este programa da Faxpg contará con especialistas en logopedia que axudarán aos nenos a interpretar os estímulos nerviosos ou a utilizar as próteses auditivas adecuadamente, ademais de facilitarlles a aprendizaxe da fala usando como ferramenta a lingua de signos. Así mesmo, as familias e os centros educativos recibirán asesoramento en técnicas de comunicación durante todas as etapas do proceso formativo.

 

A través desta iniciativa, tamén se mellorará a coordinación cos servizos de atención temperá, de cara á derivación de casos e á realización dunha intervención conxunta; e se organizarán obradoiros dirixidos aos pais e nais.

 

Con este novo convenio, o Goberno galego subliña o seu compromiso coas persoas xordas e con discapacidade auditiva, e especificamente cun aspecto tan importante para o seu desenvolvemento como a comunicación.  Este proxecto consolida o catálogo de servizos da Faxpg con intervencións en ámbitos como o familiar e o educativo, co fin de favorecer a continuación do desenvolvemento do menor.

 

Imaxes relacionadas