A Xunta abre o prazo para recibir propostas de aproveitamento das parcelas incluídas nas aldeas modelo de Trelle-Toén, Pedrosa-Riós e Bustelo de Fisteus-Quiroga

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se aproban as bases reguladoras do procedemento de concorrencia competitiva para a selección de ditas propostas de aproveitamento

Os interesados en poñer a producir as terras que compoñen estas aldeas modelo poden remitir as súas solicitudes no prazo de 15 días naturais a contar desde mañá

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se aproban as bases reguladoras do procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas de cara ao aproveitamento de parcelas incorporadas ás aldeas modelo de Trelle, no concello ourensán de Toén; Pedrosa, no tamén municipio ourensán de Riós; e Bustelo de Fisteus, na localidade lucense de Quiroga. Así, os interesados en poñer a producir estas terras terán un prazo de 15 días naturais para facer chegar as súas solicitudes, contados a partir de mañá.

 

Cabe lembrar que a aldea modelo de Trelle, en Toén, consta dunha superficie de 28,18 hectáreas, distribuídas en 515 predios de 157 propietarios. Na súa guía de ordenación produtiva, apóstase pola gandaría en extensivo como uso principal, nomeadamente polo vacún de carne e/ou de leite, así como polo gando ovino, cabrún ou porcino. Como uso secundario sinálase a plantación de castiñeiros para a produción de castaña, engadindo tamén a opción doutras árbores froiteiras. No caso das parcelas que presentan masas forestais de frondosas autóctonas consolidadas non se define ningún tipo de actividade secundaria, permitindo soamente aquelas que sexan compatibles co mantemento e explotación de ditas masas (como é o caso da gandaría).

 

Canto á aldea modelo de Pedrosa, en Riós, establécense como usos idóneos o aproveitamento gandeiro en extensivo, árbores froiteiras e cultivos agrícolas de ciclo curto. Tamén actividades complementarias ao aproveitamento silvopascícola dos terreos, por exemplo, a apicultura. Neste caso, a aldea conta cunha superficie de 52,03 ha, repartidas en 922 parcelas de 164 propietarios.

 

Por último, a aldea modelo de Bustelo de Fisteus, en Quiroga, abrangue 12,68 hectáreas, 269 predios e 38 propietarios. Os usos cualificados como idóneos son o aproveitamento gandeiro en extensivo -con prioridade para aquelas explotacións que inclúan unha produción integrada e/ou en ecolóxico-, cultivos de horta, árbores froiteiras e castiñeiros. 

 

Cómpre engadir que poderán presentar propostas de aproveitamento as persoas físicas, as Administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas traballadoras autónomas. Para o exercicio da súa actividade, as persoas solicitantes deberán dispor das autorizacións, permisos e/ou licenzas administrativas preceptivas, estar inscritas nos rexistros públicos que sexan pertinentes e cumprir con calquera outro requisito esixido polas disposicións aplicables.

 

Canto ás propostas, deben axustarse á normativa sectorial que resulte de aplicación en cada caso e ás guías de ordenación produtiva aprobadas para cada aldea modelo. O prazo para que a Xunta dite resolución expresa e a notifique será de cinco meses, a contar desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes.  

 
 

Enlace á resolución no DOG: