A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe esta actividade

Voluntarios do programa XacobeAndo da Xunta promoven unha mostra gastronómica intercultural en Valga

Trátase dun dos grupos de XacobeAndo, un programa de voluntariado internacional do Goberno galego que, neste caso, promove a conservación e difusión do Camiño do Mar de Arousa e Río Ulla

Todos os participantes na degustación gratuíta aportaron un quilo de alimentos desti-nados aos servizos sociais

Valga (Pontevedra), 18 de agosto de 2022

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou este serán o Cooking Show Intercultural celebrado na localidade de Valga. Esta mostra de cociña, a cargo dos voluntarios de entre 18 e 30 anos do programa XacobeAndo da Xunta de Galicia, permitiu aos participantes gozar dunha degustación internacional e intercultural.

 

Os cinco mozos voluntarios neste grupo da iniciativa, procedentes de Grecia, Lituania, Letonia, Estonia e Andalucía, desenvolven ao longo do verán tarefas de conservación e difusión do Camiño de Santiago do Mar de Arousa e Río Ulla. Ao mesmo tempo, promoven actividades complementarias como esta presentación gastronómica de balde, que achega a Galicia receitas procedentes de cada un dos seus respectivos lugares de orixe. Ademais, a iniciativa contribúe cos servizos sociais, xa que cada un dos asistentes aportou un quilo de alimentos non perecedoiros.

 

Durante a actividade, a directora xeral destacou o seu grande carácter enriquecedor para a nosa comunidade, ao tempo que subliñou e agradeceu o traballo destes mozos no coidado e promoción do Camiño. Neste sentido, puxo en valor o voluntariado como ferramenta para realizar actividades cun importante impacto na contorna que, ademais, permite aos voluntarios viaxar, desfrutar e socializar.

 

Variedade de actuacións

Estas actividades con impacto, desenvolvidas polos voluntarios de XacobeAndo que se distribúen por toda Galicia, enmárcanse en tres eixos principais: camiño inclusivo, camiño sostible e camiño dixital.

 

Así, os mozos e mozas acompañan a grupos de persoas con discapacidade, colaboran no acondicionamento das distintas rutas ou promocionan a experiencia da peregrinación nas redes sociais. Ademais, difunden entre os camiñantes as medidas anti-COVID e colaboran cos hospitaleiros na súa acollida, entre outras actividades. O programa estenderase ata outubro con distintos grupos de voluntarios.