O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa no acto inaugural, na Praza de Conde Fontao

O calendario das feiras do libro entra na súa recta final cunha trintena de actividades e 40 autores na cita de Foz

O circuíto de 13 feiras impulsado pola Xunta e a Federación de Librarías de Galicia rematará en Monforte de Lemos o vindeiro 27 de agosto

Foz (Lugo), 18 de agosto de 2022

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta tarde na inauguración da feira do libro de Foz, a penúltima das citas organizadas para este ano pola Federación de Libreiros de Galicia co patrocinio da Xunta.

 

No acto, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades quixo destacar “o éxito, un ano máis, destas feiras que se consolidaron na pandemia como un encontro ineludible coas libreiros e cos autores”. Lembrou, ademais, que os últimos datos apuntan cara a un incremento nas vendas de libros, “o que demostra que a lectura é un hábito en alza, un valor seguro ao que recorrer en calquera situación”.

 

Anxo M. Lorenzo animou tamén á cidadanía a participar no evento, que se desenvolve ata o domingo 21 de agosto na praza de Conde Fontao, e quixo ter un recordo para Suso do Bahía, promotor das primeiras feiras do libro en Foz, ao que se lle dedica a cita deste ano.

 

A cita focense conta coa presenza de cinco librarías (Aguirre, Pedreira, Aenea, Cortizas e Bahía) e cun completo calendario composto por unha trintena de actividades para todos os públicos, desde presentacións de libros ata coloquios, recitais ou contacontos. Polas casetas pasarán, ao longo das catro xornadas, arredor de 40 autores, que tamén asinarán exemplares aos lectores que se acheguen á feira. Ademais, como xa é habitual, as persoas asistentes á feira poderán gozar dun 10% de desconto en todas as súas compras.

 

O circuíto de 13 feiras impulsado pola Xunta e a Federación de Librarías de Galicia rematará en Monforte de Lemos, cuxa cita se desenvolverá entre o 24 e o 27 de agosto.