A Xunta inicia as obras de execución de gabias de seguridade en 4 estradas autonómicas da comarca de Ferrol, que suporán un investimento de máis de 1,1 M€

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 6 meses, inclúen actuacións na vía de alta capacidade VG-1.2 Ares-Mugardos, na autovía AG-64 Ferrol-Vilalba e nas estradas autonómicas AC-563 e AC-564, en Cabanas e A Capela

Trátase de mellorar as condicións de circulación nestas estradas da Xunta que soportan un gran volume de tráfico rodado, sen realizar cambios de trazado

A Xunta segue traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras
 

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2022.-

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou as obras de execución de gabias de seguridade en 4 estradas autonómicas da comarca de Ferrol, que suporán un investimento autonómico de máis de 1,1M€.

 

Os traballos en execución, que contan cun prazo de execución de 6 meses, implican actuacións na vía de alta capacidade VG-1.2 Ares-Mugardos ao seu paso por Fene; a autovía AG-64 Ferrol-Vilalba; e nas estradas autonómicas AC-563 e AC-564, en Cabanas e A Capela.

 

O obxectivo desta intervención é reforzar a seguridade viaria nas marxes das estradas da Xunta, mellorando a través das obras en execución as condicións de circulación nestas estradas que soportan un gran volume de tráfico rodado, sen realizar cambios de trazado.

 

Os traballos comezaron polo pintado dos bordos nas glorietas dos enlaces de VG-1.2 e as obras consisten na transformación das gabias profundas actuais noutras de seguridade para o que se adaptarán as arquetas e sumidoiros e se recolocarán as barreiras de seguridade.

 

As obras inclúen tamén a reconfiguración de illotes en glorietas, colocación de elementos de balizamento e renovación da sinalización vertical, rehabilitación do firme e repintado de marcas viarias.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.

 

Imaxes relacionadas