As exportacións galegas rexistran un novo récord histórico no primeiro semestre do ano ao alcanzar os 14.406 M€, un 27,1% máis que o ano pasado

A Comunidade ten unha mellor evolución que o conxunto do Estado tanto nos seis primeiros meses do ano como en xuño, mes no que as vendas ao exterior das empresas galegas subiron un 50,1%, case duplicando o crecemento do conxunto de España, onde o incremento foi do 26,6%
 

No balance de xaneiro a xuño é clave a boa evolución de sectores como o téxtil, cun incremento das vendas ao exterior do +60,6%; as máquinas e aparellos mecánicos, cun +40,2%; e a metalurxia, cun +30,4%
 

Para seguir contribuíndo a estes resultados, a Xunta ten en marcha a Estratexia de Internacionalización de Galicia, que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2022

As exportacións galegas veñen de rexistrar un novo récord histórico, ao alcanzar os 14.406 millóns de euros de xaneiro a xuño, o que supón os mellores datos de vendas ao exterior para un primeiro semestre do ano e un 27,1% máis que no mesmo período de 2021, segundo os datos publicados hoxe polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.  

 

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou que Galicia ten unha mellor evolución que o conxunto do Estado (que rexistra unha suba do 24,8%) e sinalou que as exportacións seguen a ser un importante elemento de dinamización da economía galega.

 

No balance do primeiro semestre do ano destacan os incrementos en industrias clave como o sector téxtil, cun +60,6% en vendas ao exterior que no primeiro semestre do ano pasado; as máquinas e aparellos mecánicos, cun +40,2%; a metalurxia, cun +30,4%; ou o peixe, crustáceos e moluscos, cun +29,2%.

 

No que respecta aos destinos xeográficos das vendas ao exterior das empresas galegas, destacan os incrementos rexistrados en Países Baixos, cunha suba do +143,1%; Reino Unido, cun incremento do +43,7%; Portugal, cun +39,8%; Alemaña, que rexistra unha suba do +31,7%; e Italia, cara a onde se exportou desde Galicia un +21,1% que no primeiro semestre do ano pasado. Fóra de Europa destaca a suba nas vendas a Estados Unidos, do +73,9%; ou a Oriente Medio, do 68,8%.

 

Cómpre salientar tamén que nos seis primeiros meses do ano a balanza comercial galega rexistra un saldo positivo de 1.521M€, a terceira mellor rexistrada por unha comunidade en termos absolutos. A nivel estatal o déficit é de -31.963 millóns.

 

En canto ás exportacións de xuño, a suba rexistrada foi do 50,1% con respecto ao mesmo mes do ano pasado, case duplicando o crecemento rexistrado no conxunto de España, onde a suba foi do 26,6%. Galicia sitúase así como a terceira comunidade cun maior incremento nas súas vendas ao exterior no último mes do que hai datos dispoñibles.

 

Para seguir contribuíndo a estes resultados, a Xunta ten en marcha a Estratexia de Internacionalización de Galicia, que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores. O fomento da innovación, a atracción de talento internacional, o acompañamento e a difusión dos casos de éxito son algunhas das liñas de actuación nas que xa se está a traballar para continuar a reforzar as exportacións galegas.

Imaxes relacionadas