A Xunta leva investido máis de 112 M€ en obras de eficiencia enerxética nos centros educativos desde 2017, cun aforro medio do 45%

Román Rodríguez destaca que un dos obxectivos do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica é “acadar centros máis respectuosos co medio ambiente, máis confortables para alumnos e profesores e que permita un aforro no consumo”
 

Un 40% dos fondos incluídos neste plan oriéntanse a esta finalidade
 

Só neste ano están orzamentados 31M€ para actuacións desta natureza, entre elas a dotación de instalacións solares fotovoltaicas en 12 centros de ensino
 

O Goberno galego está acometendo cambios de cubertas, renovación de fiestras, impermeabilización de fachadas ou novas caldeiras centralizadas de biomasa
 

O Porriño (Pontevedra), 18 de agosto de 2022  O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o colexio CEIP Plurilingüe Xosé Fernández López, no Porriño, onde se está a acometer o cambio de luminarias, unha obra que estará lista para o inicio do curso escolar.  A actuación, cuxo importe supera os 86.000€, consiste na substitución das luminarias existentes, tipo fluorescente e tipo LED sen regulación, por outras de maior eficiencia e tecnoloxía, que permitan unha redución do consumo.

 

Estas obras enmárcanse dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego que senta os piares para a construción e reforma dos centros educativos nos vindeiros anos con espazos máis sostibles e cunha maior calidade ambiental. De feito, do total de 191M€ de orzamento do plan, o 40% (77,5M€) está destinado a actuacións de sostibilidade e eficiencia enerxética.

 

“Estamos logrando así colexios e institutos máis respectuosos co medio ambiente, máis confortables para alumnos e profesores e que permitan un aforro no consumo”, afirmou durante a visita o titular do departamento educativo do Goberno galego.

 

Menos emisións

Neste sentido, sinalou que a Xunta leva investidos máis de 112M€ desde 2017 en obras de eficiencia enerxética nos centros educativos, o que supón un aforro enerxético medio do 45%, tanto en kwh/m2 como en emisións de CO2.

 

“Só este ano temos un orzamento de 31M€ para estas melloras, que se centran en intervencións como a que se acomete neste colexio, de instalación de novas luminarias led, ou en actuacións de maior envergadura, como os cambios de cuberta, as renovacións de fiestras, a impermeabilización das fachadas ou a instalación de caldeiras centralizadas de biomasa”, destacou o conselleiro, quen lembrou que no propio Porriño se está a executar a rehabilitación integral do instituto Pino Manso.

 

“Así mesmo, estamos comezando a dar un paso máis aló”, sinalou o conselleiro en alusión á licitación, este mesmo mes, dun “paquete de obras para a dotación de instalacións solares fotovoltaicas en 12 centros de Educación Especial e un colexio público Integrado, que suman un investimento total de 208.000€”.

Imaxes relacionadas