A Xunta recibe 8 ofertas para executar as obras do centro integral de saúde Olimpia Valencia de Vigo, cun investimento de máis de 14,8 M€

As obras, cun prazo de execución de 18 meses, prevén o seu comezo no primeiro trimestre de 2023
 

Increméntase o orzamento inicial previsto de 12,8 M€ en case un 16%, actualizando os prezos ao aumento de custos de mercado
 

O novo centro unificará a atención sanitaria do barrio das Travesas e incrementará a carteira de servizos de atención primaria que se prestan na actualidade, como son os de Fisioterapia, Odontoloxía e Farmacia, beneficiando a 42.000 persoas
 

A actuación enmárcase no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que prevé a posta en marcha de 37 novos centros de saúde e a ampliación e reforma doutros 14, beneficiando ao 25% da poboación
 

A Xunta, desde o 2009, construíu ou reformou 100 centros de saúde aos que hai que engadir as obras en marcha nos CIS de Lugo e de Lalín, sumando un investimento autonómico de máis de 120 M€ en infraestruturas de atención primaria

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de 8 ofertas de empresas para executar as obras do novo centro integral de saúde (CIS) Olimpia Valencia de Vigo, e que terán un investimento autonómico de máis de 14,8 millóns de euros.

 

Das 8 ofertas presentadas para executar estas obras 4 delas están conformadas por UTE, o que suma un total de 13 empresas. 

 

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 18 meses, consistirán na execución do novo centro de saúde, que ocupará o espazo do actual edificio da Audiencia Provincial, na rúa Lalín. O novo centro integral de saúde situarase nas proximidades da praza de América, entre os barrios das Travesas e Coia.

 

O investimento previsto subiu case un 16% desde o orzamento inicial de 12,8 M€. Este aumento é resultado da actualización do proxecto aos prezos de mercado tras os últimos incrementos de custos rexistrados nos materiais necesarios para a execución desta obra, logo dun primeiro concurso que foi declarado deserto.

 

O obxectivo da Xunta é iniciar as obras no primeiro trimestre de 2023, cando conclúa o traslado dos servizos e do persoal da Audiencia Provincial á Cidade da Xustiza de Vigo.

 

O novo Centro de Saúde Integral será unha oportunidade de mellora dos servizos sanitarios da cidade, unificará a atención sanitaria do barrio das Travesas e incrementará a carteira de servizos de atención primaria que se presta na actualidade. O futuro CIS beneficiará unha poboación de 42.000 persoas.

 

O seu obxectivo fundamental é substituír o centro de saúde de López Mora, que está obsoleto. Ademais, permitirá completar a carteira de servizos de atención primaria e dotar esa zona daquelas prestacións que, a día de hoxe, non están dispoñibles en ningún dos seus centros de saúde, como Fisioterapia, Odontoloxía e Farmacia.

 

As obras a executar

Remodelarase a distribución interior do edificio, xa que está adaptada ao uso xudicial. As súas fachadas tamén serán renovadas, porque non se adaptan ás necesidades de iluminación natural requiridas para crear espazos sanitarios de calidade.

 

As instalacións, con 7.619 m² construídos, albergarán servizo de urxencias, unha área asistencial con 20 consultas de medicina xeral, 20 de enfermería, 8 de pediatría, 8 de enfermaría pediátrica, 2 de odontoloxía e áreas da muller, de rehabilitación, de telemedicina, de administración e a base do 061.

 

Trátase dun edificio funcional e acolledor, cunha envolvente que garante a posibilidade de que a maioría dos postos de traballo e estancia de pacientes dispoñan de luz natural e contacto co exterior.

 

A fachada do edificio compoñerase dunha ‘dobre pel’, composta por un muro cortina de vidro, combinado con fachada ventilada de aluminio e a 80 cm deste cerramento no seu exterior, disporase unha celosía composta por listóns de madeira de piñeiro termotratada.

 

Distribución

No soto situarase unha base para o 061, cun funcionamento autónomo con respecto ao centro de saúde; tamén as instalacións do edificio, vestiarios e unha zona de carga e descarga e subministros.

 

Na planta 0 estará a recepción, así como as urxencias, con dúas salas polivalentes e unha de observación. Neste andar situarase tamén a área de traballo social e a de rehabilitación, que contará con 2 consultas de fisioterapia, ximnasio e 6 cabinas.

 

O primeiro andar dedicarase a área integral de atención pediátrica, de modo que se minimicen os percorridos dos cativos polo edificio.

 

O segundo e o terceiro andar contarán con consultas de medicina e de enfermaría; e o cuarto combina unha zona de consultas de medicina e enfermería cun espazo central dedicado a farmacia e odontoloxía. Na parte oeste concéntrase a área de atención á muller, cunha aula de preparación ao parto e dúas consultas de matronas.

 

O quinto andar disporá de salas de docencia, espazos de telemedicina, despachos de administración e a sala de xuntas.

 

Plan de Infraestruturas Sanitarias

O centro integral de saúde Olimpia Valencia enmárcase no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que prevé a posta en marcha nos vindeiros anos de 37 novos centros de saúde e a ampliación e reforma doutros 14. Estas 51 actuacións están divididas en tres fases que benefician ao 25% da poboación galega –650.000 usuarios-, cunha planificación que segue criterios técnicos e asistenciais como: a antigüidade dos centros, o seu estado de conservación ou as carencias funcionais e operativas.

 

Desde o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 100 centros de saúde, sumados aos CIS de Lugo e de Lalín, que están en execución. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

 

A Xunta segue apostando pola mellora da calidade e da atención sanitaria na comunidade.