A Xunta cambia as carpinterías do centro xuvenil Lug II para mellorar a eficiencia enerxética e o confort

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que se destinaron 96.000 euros a renovar máis de dous terzos das 101 ventás coas que conta

Lugo, 18 de agosto de 2022

A Consellería de Política Social e Xuventude está a substituír as carpinterías do centro xuvenil Lug II, no municipio da capital, para mellorar a eficiencia enerxética e o confort das instalacións.

 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que xa se cambiaron máis de dous terzos das ventás, en concreto 72 das 101 coas que conta, que supuxeron un investimento de 96.000 euros. Avanzou, ademais, que a intención é completar o proceso renovando as 29 restantes; “priorizáronse as dependencias que teñen máis uso, ben residencial ou como aulas de traballo”, afirmou.

 

As novas carpinterías son máis illantes, o que permite unha mellor regulación térmica cun menor gasto enerxético. Neste sentido, Arias incidiu en que “a Xunta leva anos traballando a vertente do aforro enerxético nos edificios da súa titularidade, consciente da necesidade de reducir o consumo e as emisións contaminantes”.

 

O centro xuvenil Lug II dispón de 75 prazas de aloxamento, comedor con capacidade para máis de 100 persoas e salón de actos, entre outros servizos. Desenvolve unha ampla programación que inclúe os campamentos de verán da Consellería. Así, ao longo dos meses de xullo e agosto ofrece tres campamentos, cada un con dúas quendas dunha semana de duración.

 

O Musical é un campamento de temática artística, con clases maxistrais de música ademais doutras actividades deportivas e de ocio; AYCH Tecnolóxico xira arredor da tecnoloxía, a creación e edición de vídeo ou a realidade virtual, con clases maxistrais sobre creación de contidos para web e APPs, creación e edición de podcast e seguridade en redes, entre outras; por último, Design camp. Deseña o teu futuro tamén está centrado no deseño de páxinas web, videocurriculum ou video-presentacións.

Imaxes relacionadas