A Xunta destina 2,7M€ este ano á dotación de equipamento e en apoio ás actividades dos clubs e federacións deportivas da comunidade

O vicepresidente segundo visitou hoxe o Club Náutico Firrete de Pontedeume, unha das 97 entidades beneficiarias das axudas para a adquisición de equipamentos, nas que a Xunta inviste 700.000 euros

O Goberno galego inviste outros 2M€ noutra convocatoria coa que financia o desenvolvemento de actividades deportivas por parte de clubs e núcleos de adestramento deportivos, así como de sociedades anónimas e seccións deportivas

 

Pontedeume (A Coruña), 17 de agosto de 2022.-

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou esta mañá xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o Club Náutico Firrete, unha das entidades beneficiarias da orde de axudas para a adquisición de equipamentos deportivos destinados á clubs e federacións deportivas. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución destas subvencións das que se beneficiarán 97 entidades, en concreto, 73 clubs e 24 federacións deportivas.

 

A Xunta destina a esta convocatoria 700.000 euros, aos que se suman outros 2 millóns de euros doutra orde dirixida ao desenvolvemento de actividades deportivas por parte de clubs e núcleos de adestramento deportivos, e de sociedades anónimas e seccións deportivas que, como anunciou tamén hoxe o vicepresidente segundo, se resolverán en breve. Polo tanto, o investimento total do Goberno galego en apoio aos clubs galegos acada os 2,7 millóns de euros.

 

Ademais destas dúas liñas de axudas, a Administración autonómica mantén o seu compromiso co deporte co patrocinio de eventos, de equipos e de deportistas de alto nivel.

 
Achega de material

A orde de subvencións para equipamento deportivo da Xunta publicada hoxe achega aos clubs e federacións material específico destinado á participación en competicións deportivas oficiais ou á realización de adestramentos, material non específico como transporte ou equipamento de ximnasio e material sanitario. No caso do Club Náutico Firrete, recibiu unha achega de 10.000 euros -a contía máxima por entidade- que se investirán na compra dunha embarcación, unha máquina elíptica, un desfribilador e unha caixa de primeiros auxilios.

 

No que se refire aos gastos subvencionables da outra orde para o desenvolvemento de actividades deportivas pendente de resolución hai dúas liñas de axudas, unha delas para os custos derivados da participación en competicións oficiais cun máximo de 10.000 euros por entidade. A outra liña, que é novidade neste ano, vai dirixida a sufragar os gastos correntes de núcleos de adestramento deportivo especializado, cunha contía máxima de 30.000 euros por beneficiario.

 

Entre os conceptos financiados inclúense, entre outros, licenzas e seguros; as inscricións en competicións e os seus gastos de transporte, manutención e aloxamento nestes eventos; arbitraxes; aluguer de instalacións; así como produtos sanitarios, gastos de ambulancias ou relacionados coa prevención e a seguridade...

 

O vicepresidente segundo destacou a reciprocidade da Xunta co gran traballo que se está a facer no deporte galego e, neste caso, animou ao Club Náutico Firrete a seguir traballando por moitos máis éxitos deportivos para os que contarán co apoio da Administración autonómica. Nesta liña, Diego Calvo puxo en valor a importancia que estas axudas teñen para manter o excelente nivel competitivo de moitos dos clubs galegos, apoiar o deporte base, incrementar as canteiras dos equipos e garantir a súa continuidade.

Imaxes relacionadas