A Xunta publica no DOG a autorización da extensión ao conxunto de Galicia das vantaxes do transporte metropolitano, reducindo o prezo do billete do autobús a 150.000 veciños de 119 concellos rurais

Coa creación da Área de Transporte de Galicia, os usuarios dos concellos adheridos poderán gozar de descontos mínimos de 50 céntimos nos billetes e transbordos gratuítos

A Xunta asume a totalidade das bonificacións nas viaxes municipios con menos de 2.000 habitantes, que se aplicarán directamente e sen necesidade de asinar convenios para a integración dos municipios

Esta medida ten como obxectivo dotar o rural de servizos que respondan ás necesidades dos cidadáns, contribuíndo a mitigar o despoboamento

No resto de concellos, cando decidan adherirse á Área de Transporte, a Xunta asumirá un mínimo do 80% das bonificacións

A iniciativa completa o Plan de Transporte Público, que inclúe medidas como a tarxeta Xente Nova, coa que máis de 120.000 menores de 21 anos xa viaxan gratis no autobús da Xunta por toda a comunidade

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a autorización da extensión ao conxunto da Comunidade das vantaxes do transporte metropolitano, reducindo o prezo do billete do autobús a 150.000 veciños de 119 concellos rurais.

 

Así o recolle a modificación do anexo ao Plan de Transporte Público de Galicia, que se aprobou en Consello o pasado 21 de xullo co fin de regular a Área de Transporte de Galicia. No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información: https://acortar.link/9YZGX6

Coa creación da Área de Transporte de Galicia, os usuarios dos concellos adheridos poderán gozar de descontos mínimos de 50 céntimos no prezo do billete e transbordos gratuítos.

O obxectivo é homoxeneizar o sistema de transporte público na Comunidade, facilitando a integración do conxunto de concellos nesta Área de Transporte de Galicia, na que se prevé a aplicación directa das bonificacións nas viaxes para aqueles concellos rurais de reducida poboación, que serán asumidas pola Xunta.

A regulación fará posible a aplicación directa en 119 concellos rurais das vantaxes da Área de Transporte de Galicia, que funcionan xa desde hai anos nas áreas de transporte metropolitano. En xeral, trátase de municipios con menos de 2.000 habitantes.

 

A Xunta asumirá directamente a totalidade de bonificacións nestes ámbitos rurais, incluíndo a porcentaxe que correspondería aboar a estes concellos no caso de decidir integrarse na Área de Transporte de Galicia, polo que os incentivos resultarán aplicables sen necesidade de que o municipio formalice a súa adhesión.

 

Con este tipo de medidas, o Executivo autonómico continúa traballando para contribuír a dotar o rural de servizos que respondan ás necesidades dos cidadáns, mitigando, por conseguinte, o despoboamento nestas contornas.

 

O resto de concellos poderán decidir integrarse na Área de Transporte de Galicia para facilitar novos descontos nos prezos do autobuses. Neses casos, o Goberno galego asumirá, con carácter xeral, un mínimo do 80% das bonificacións aos usuarios.

 

Con esta autorización, as viaxes terán o mesmo prezo para o conxunto de usuarios dun mesmo concello, independentemente do itinerario concreto que percorra o autobús ou do número de autocares que se teñan que utilizar para chegar ao destino final.

 

Os concellos que actualmente forman parte das áreas de transporte metropolitano, poderán optar polo mantemento das actuais tarifas, de ser estas inferiores ás que resultan do novo modelo de cálculo. A Xunta manterá a asunción, nese caso, do 80% desa adaptación de tarifas.

 

Tamén se prevé a simplificación dos trámites para a integración dos concellos interesados con respecto aos previstos para as áreas de transporte metropolitano.

 

A Xunta aprobará un modelo de convenio de adhesión e establecerá o cronograma da súa implantación. Fixarase a apertura de fases temporais sucesivas para que se integren os concellos por ámbitos territoriais, de acordo coas necesidades tecnolóxicas que a área require, en canto á adaptación das canceladoras que deben ir nos vehículos. A previsión é que a Área de Transporte de Galicia poida comezar a funcionar nos vindeiros meses.

 

Ademais, prevese a implantación de novas actuacións ou servizos de transporte de iniciativa municipal, así como a integración doutros modos de transporte público regular, como os servizos marítimos na ría de Vigo ou os servizos ferroviarios.

Esta actuación completa o Plan de Transporte Público de Galicia, no marco no que o Goberno galego impulsou iniciativas como a tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos viaxan gratis por toda Galicia grazas ao investimento autonómico este ano duns 6,5 millóns de euros. A día de hoxe son xa máis de 120.000 os mozos galegos que dispoñen da tarxeta Xente Nova coa que poden viaxar gratis no autobús da Xunta por toda a comunidade.

Imaxes relacionadas