A Xunta traballa nas zonas afectadas polo lume no Barbanza para evitar os arrastres das cinzas nas áreas límites do rego de Castelo e nas do rego das Lobeiras, en Ribeira

Co obxectivo de iniciar os traballos precisos coa maior celeridade posible, os equipos técnicos da Xunta traballan hoxe na zona onde se atopan os puntos máis afectados polos incendios

Actuarase ao longo de aproximadamente 2.600 metros, nas áreas límites de ambos os dous regos

A Xunta está deseñando barreiras de contención aproveitando a propia madeira que se atopa nas ribeiras e utilizará a técnica coñecida como “mulching”, mediante a aplicación de palla sobre as áreas afectadas e con gran erosión do terreo

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2022  A Xunta traballa nas áreas afectadas polo lume na contorna do Barbanza para evitar os arrastres das cinzas nas áreas límites do rego de Castelo e nas do rego das Lobeira, ao seu paso polo municipio de Ribeira.

 

Os técnicos do servizo de Conservación Fluvial de Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, están a desenvolver hoxe as inspeccións de campo nas áreas afectadas, en coordinación cos técnicos da Consellería do Medio Rural, a través do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, tras a determinación dos puntos máis afectados polos incendios co obxectivo de iniciar os traballos precisos coa maior celeridade posible.

 

A Xunta ten previsto actuar ao longo de aproximadamente 2.600 metros, nas áreas límites do rego de Castelo e nas do rego das Lobeiras, ambas as dúas no termo municipal de Ribeira.

 

Trátase de actuar nestas contornas de especial sensibilidade pola proximidade dos leitos fluviais a zonas poboadas e por contar cunhas características singulares que poden favorecer os arrastres das cinzas.

 

Para evitar estes posibles arrastres, a Xunta está deseñando unhas barreiras de contención aproveitando a propia madeira que se atopa nas ribeiras afectadas, e procederá á aplicación da técnica coñecida como “mulching”, mediante a disposición de palla sobre as áreas afectadas e con gran erosión do terreo.

 

Imaxes relacionadas