Un total de 9 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de o acondicionamento da antiga PO-400, no concello de Arbo, cun investimento de case 1,3 M€

As obras, cun prazo de execución de 6 meses, executaranse en 2 fases, comezando polo acondicionamento do tramo antigo da vía e continuando coa mellora da intersección coa PO-400, para dispoñer unha glorieta
 

Rehabilitarase o firme, executaranse beirarrúas e sendas nos tramos urbanos e acondicionaranse os cruces
 

Habilitarase un carril de parada de autobús, coa colocación dun refuxio, ademais dunha zona de aparcadoiro, e mellorarase a seguridade peonil no antigo trazado da PO-400, coa construción dun itinerario cun ancho de 1,80 metros
 

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria co fin de reforzar a seguridade e a comodidade nos desprazamentos dos usuarios

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu un total de 9 ofertas de empresas para executar as obras de acondicionamento e mellora da seguridade viaria do antigo trazado da estrada PO-400, no concello de Arbo, e que terán un investimento total de case 1,3M€.

 

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 6 meses, dividiranse en dúas fases: unha primeira de acondicionamento do treito antigo da PO-400, e unha segunda de mellora da intersección co actual trazado da estrada, para construír unha glorieta.

 

O departamento de Infraestruturas da Xunta levará a cabo a rehabilitación do firme e a execución de beirarrúas e sendas nos treitos urbanos, así como o acondicionamento das interseccións inicial e final da estrada e a creación dunha rotonda na contorna do punto quilométrico 24 da estrada actual.

 

O proxecto inclúe a execución dun novo tramo de conexión desde a antiga estrada ata a citada glorieta do quilómetro 24, así como o acondicionamento do acceso á glorieta prevista desde a estrada que discorre en dirección ao núcleo do Picoto.

 

Executarase, ademais, un carril de parada de autobús e colocarase un refuxio no punto quilométrico 24+240 da PO-400, xunto coa construción dunha zona de aparcadoiro entre os puntos quilométricos 1+250 e 1+300 da estrada PO-400A.

 

Tamén se mellorará a seguridade peonil no antigo trazado da PO-400 cun itinerario de 1,80 metros de ancho, incluído bordo, e unha rígola de 0,30 metros entre a estrada e o dito bordo, na maioría do seu trazado.

 

As actuacións financiaranse con fondos europeos REACT-EU, de resposta fronte á pandemia da covid-19.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade nos desprazamentos, sendo os peóns os usuarios máis vulnerables das estradas.