A Xunta activa o convenio con Farmamundi para a atención e protección da poboación feminina afectada en Etiopía polo conflito en Tigray

Desenvolverase en colaboración con WE-Action, socio local da organización, e suporá unha achega de 15.000 euros
 

O proxecto dirixirá a axuda a 170 mulleres e nenas sobreviventes que se atopan nun centro de acollida para persoas desprazadas, coa distribución de alimentos e artigos de hixiene
 

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2022A Xunta vén de activar o convenio con Farmamundi para a posta en marcha dunha intervención de emerxencia a prol da atención e protección da poboación feminina afectada polo conflito de Tigray, no norte de Etiopía. Desenvolverase da man de We-Action, socio local da organización, e contará cun investimento de 15.000 euros para a dotación de alimentos e de artigos de hixiene.

O proxecto dirixe a axuda a 170 mulleres e nenas sobreviventes que se atopan nun centro de acollida de persoas desprazadas na cidade de Sekota, con prioridade para as embarazadas, nais lactantes e con diversidade funcional. A través del traballarase para fortalecer o sistema local de resposta e axuda á poboación feminina desprazada e sobreviventes da violencia sexual durante o conflito, así como das comunidades de acollida de Sekota.

A situación humanitaria xeral en Etiopía deteriorouse desde principios deste ano, o que provocou un aumento das necesidades en todo o país a causa dos conflitos, a violencia e perturbacións climáticas como a seca ou as inundacións. Calcúlase que máis de 29 millóns de persoas necesitaban asistencia e protección humanitaria a comezos de 2022, fronte aos 23,5 millóns de 2021 ou aos 8,4 de 2020. Case tres cuartas partes delas son mulleres e menores.

A intervención en Etiopía execútase ao abeiro do convenio asinado este ano con Farmamundi. Dende o ano 2009 ata agora asináronse 12 acordos anuais de resposta ante emerxencias con esta organización, por un monto de 889.044 euros.

Atención ás poboacións máis vulnerables

O obxectivo é realizar as actuacións que ambas partes establezan, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).

Imaxes relacionadas