A Xunta abre un museo dixital para difundir e promocionar os proxectos premiados no certame ‘Xuventude crea’ e o talento dos seus creadores

A plataforma reúne as creacións dos gañadores deste programa do Goberno galego, que premia a creatividade e o enxeño da mocidade en diferentes categorías
 

Permitirá difundir os traballos e tamén achegar novas oportunidades á mocidade
 

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2022

  A Xunta abre o museo dixital do programa Xuventude Crea para difundir e promocionar o talento da xuventude galega. A través da web www.museoxuventudecrea.gal pódese acceder ás obras premiadas nas distintas categorías deste certame de creación xuvenil, que recoñece a creatividade, a orixinalidade e o enxeño dos mozos galegos nun amplo abano de disciplinas.

 

Así, este novo espazo difunde os traballos premiados ao longo do programa en todas as súas especialidades, 14 actualmente: arte urbana, artes plásticas, banda deseñada, cociña, creación de videoxogos, danza moderna, deseño de xoias, fotografía, moda, música, novela curta, poesía, teatro e videocreación.

 

A plataforma deste museo permite explorar as obras premiadas no certame desde 2018 por especialidade e por ano de participación. Tamén se pode buscar, no apartado de "Explora" por autor. Deste xeito, a través dela a Xunta de Galicia recoñece o esforzo e a calidade das propostas da xuventude e, ademais, amosa á cidadanía todo o seu potencial.

 

Así mesmo, o obxectivo principal desta nova web é incrementar as oportunidades destes mozos para continuar a súa carreira artística de cara a abrirlles novas portas en salas de concertos, museos, teatros ou auditorios, por exemplo. De feito, esta non é a única estratexia de difusión do talento da mocidade realizada pola Administración autonómica, que tamén ten en marcha unha exposición itinerante cos mellores traballos presentados a este programa para promover por toda Galicia o talento xuvenil. Así mesmo, as primeiro e segundo premio de Música da edición pasada, Alicia Otero e Marián Romero, respectivamente, actuaron en Atardeceres no Gaiás este pasado xoves.

 
Máis de 4000 mozos participantes

En Xuventude Crea, que pechou a comezos deste agosto a convocatoria da súa XIII edición, levan participado máis de 4000 mozos e mozas con preto de 3000 proxectos artísticos. Os gañadores en cada categoría reciben un primeiro premio de 3000€, un segundo de 1500€ e un terceiro de 1000€. Ademais, poden optar a diversas mencións de honra.

Imaxes relacionadas