A Xunta activa a creación da plataforma dixital que centralizará o acceso a todos os servizos de transporte público autonómico

A licitación do expediente para a adxudicación do desenvolvemento, a posta en marcha e a oficina técnica da Plataforma Galega de Mobilidade 4.0 foi publicada esta semana

 

O novo modelo disporá dun planificador multi-modal, compra ou reserva de billetes dende unha app ou dende a web e un sistema de acceso ao transporte co móbil, tarxeta bancaria ou a Tarxeta de Mobilidade de Galicia

 

A plataforma será aberta e permitirá integrar o transporte urbano e servizos como o dirixido a persoas con discapacidade ou dependencia (065)

 

O novo contrato inclúe a expedición de 120.000 novas Tarxetas de Mobilidade de Galicia adaptadas á Plataforma

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2022 O Portal de Contratos Públicos de Galicia publicou esta semana a licitación do expediente para a subministración, deseño, desenvolvemento, implantación, soporte, mantemento e operación da Plataforma Galega de Mobilidade 4.0, así como o da oficina técnica para a súa supervisión e dirección.

 

O contrato, licitado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no marco do Plan e-Mobility desenvolvido en colaboración coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, terá unha duración de tres anos e un orzamento de 5,7 millóns de euros, e poderá ser prorrogado por un período similar, polo que o valor estimado é de algo máis de 9,4 millóns de euros. O prazo para a presentación das ofertas por parte das empresas interesadas finalizará o 14 de setembro.

 

A Plataforma de Mobilidade 4.0 ten como obxectivo potenciar o transporte público e facilitar o acceso da cidadanía á información en tempo real en toda a Comunidade, así como ofrecer métodos de reserva ou pago alternativos ao pago en efectivo.

 

Para facelo, a plataforma disporá dun planificador multi-modal que integrará toda a oferta de transporte público, e estará aberta á integración doutros servizos, como o transporte urbano, ou o 065 de apoio á mobilidade a persoas con discapacidade ou dependentes.

 

Contará tamén cunha web e unha aplicación para dispositivos móbiles que permitirá a planificación de itinerarios, o acceso á información en tempo real e a xestión de reservas, pagos e bonificacións. A iniciativa permitirá, así mesmo, introducir un novo paradigma de pagos denominado pago baseado en conta (Account Base Ticketing - ABT) que supón un cambio do modelo actual “pague e viaxe” a un modelo “viaxe e xa pagará”. Tanto as reservas e pagos como o acceso ao transporte poderán facerse co teléfono móbil, cunha tarxeta bancaria ou coa nova Tarxeta de Mobilidade de Galicia. O contrato contempla a expedición de 120.000 tarxetas adaptadas ao novo servizo.

 

A plataforma, que estará integrada co sistema de Axuda á explotación da mobilidade de Galicia (SAEGAL), está enmarcada no Plan de Transporte Público de Galicia e no eixo 5 da Estratexia Galicia Dixital 2030, “Conectividade dixital do territorio” e o seu programa 14: Transporte e mobilidade Dixital e sostible.

 

Máis de 14 millóns de viaxes anuais na Área Única de Transporte de Galicia

O ámbito de uso da Plataforma será a Área Única de Transporte de Galicia (ATG), que abarca toda a Comunidade autónoma e concellos limítrofes de Asturias e Castela e León. As vantaxes poden estenderse tamén ás Áreas de Transporte Metropolitano e a ATG está aberta á incorporación de todas as Administracións Locais.

 

Na actualidade hai en Galicia 127 contratos de transporte público regular por estrada que son competencia da Dirección Xeral de Mobilidade e que teñen unha vixencia de 10 anos, contados a partir de 2021, ano no que foron implantándose. A xestión destes contratos realízase a través da Oficina Virtual de Transporte (OTRANS).

 

No primeiro semestre deste ano o transporte público regular por estrada deu servizo a 15 millóns de viaxeiros. En 2021 realizáronse máis de 14,4 millóns de viaxes e superáronse os 57 millóns de quilómetros de servizo ao ano a través de 3.470 liñas, 53.000 paradas e 2,3 millóns de servizos de transporte ao ano. Estas cifras, aínda condicionadas pola emerxencia sanitaria derivada da pandemia, dan conta da importancia e demanda deste servizo que é previsible que se vexan incrementadas de xeito significativo.

Imaxes relacionadas