O programa Quérote+ da Xunta impartiu formación sobre relacións afectivas, imaxe corporal ou redes sociais a máis de 10.000 mozos en institutos de Galicia

 Trátase dun servizo de asesoramento para a mocidade posto en marcha pola Consellería de Política Social e Xuventude que promociona hábitos saudables en varios ámbitos
 

Os centros desta iniciativa atenden tamén consultas sobre temas como os consumos de drogas, alcohol ou internet, e realizan tests de embarazo e probas rápidas de VIH
 

No primeiro semestre deste ano, o servizo tamén atendeu máis de 3000 consultas particulares, tanto en persoa como a través de teléfono e medios dixitais como WhatsApp ou videochamada
 

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2022  O programa Quérote+ da Xunta de Galicia, que realiza formacións en centros educativos sobre relacións afectivas ou imaxe corporal, chegou no pasado curso 2021/2022 a preto de 10.400 mozos. Para iso, a iniciativa puxo en marcha arredor de 500 accións, impartidas por profesionais do ámbito social, por institutos de toda a Comunidade.

 

En concreto, a principal temática foi a sexualidade, con preto de 400 obradoiros celebrados. Outros dos temas tratados foron a imaxe corporal, con 50 destes talleres, ou os consumos de sustancias como alcohol ou drogas e de internet, con 10. Ademais de centros escolares, os profesionais que integran os equipos de Quérote+ visitan tamén concellos, asociacións, universidades e outras entidades, ámbito no que alcanzaron a máis de 1700 persoas con 75 obradoiros dende comezos de ano e ata finais de xuño.

 

No que se refire ás consultas, os cinco centros que forman parte deste programa, situados na Coruña, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo,  atenderon algo máis de 3000 no primeiro semestre deste 2022. Neste caso os temas tratados son similares: destaca a sexualidade como principal temática, presente en máis da metade (sobre 1600) das peticións atendidas, seguido pola imaxe corporal (300) e o VIH (160). As redes sociais, o consumo de alcohol, drogas e internet, ou os problemas psicolóxicos derivados da COVID son outros dos temas atendidos. Outro dos servizos postos a disposición da xuventude pola Xunta no marco deste programa é a realización de probas rápidas de VIH para maiores de 16 anos e de tests de embarazo.

 

A mocidade galega pode consultar toda a información sobre esta iniciativa na sección correspondente da web de Xuventude, incluíndo os datos de contacto xerais e de cada centro, como teléfono, correo electrónico, WhatsApp, Telegram ou videochamada, dispostos polo Goberno autonómico para resolver todas as súas dúbidas. Tamén se atenderá de maneira presencial preferiblemente con cita previa.

Imaxes relacionadas