A Xunta licita por preto de 185.000 euros a redacción do proxecto construtivo de mellora da depuradora da Corredoira, no concello de Lalín

Trátase de avaliar as distintas alternativas para resolver as deficiencias de deseño e funcionamento da estación de tratamento de augas residuais municipal, tras 20 anos de funcionamento, e de acadar os obxectivos de vertido
 

O adxudicatario do contrato considerará tanto as diferentes posibilidades de ampliación e mellora da depuradora existente, como as de construción dunha nova infraestrutura hidráulica
 

As empresas interesadas na redacción do proxecto, cun prazo de execución de 10 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 16 de setembro
 

Os traballos forman parte das accións recollidas no Plan Director de saneamento do núcleo urbano de Lalín, elaborado por Augas de Galicia, que van posibilitar xa as primeiras obras de mellora do saneamento na vila
 

A Xunta prevé iniciar no último trimestre do ano as obras do tanque de tormentas do río Pontiñas e dos novos colectores para telas rematadas a finais do 2023, cun investimento autonómico de máis de 6,7 M€

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou por preto de 185.000 euros o contrato para a redacción do proxecto construtivo de mellora da estación depuradora da Corredoira, no concello de Lalín.

 

O obxectivo deste contrato é resolver as deficiencias de deseño e funcionamento da depuradora municipal, na que moitos dos seus elementos quedaron obsoletos e infradimensionados, tras máis de 20 anos de funcionamento. A infraestrutura presenta deficiencias, principalmente no deseño do reactor biolóxico.

 

As actuacións obxecto deste contrato teñen como fin acadar a mellor solución para o tratamento das augas residuais do núcleo urbano, considerando tanto as diferentes posibilidades de ampliación e mellora da depuradora existente, como as de construción dunha nova infraestrutura hidráulica.

 

As empresas interesadas teñen de prazo ata o día 16 de setembro para presentar as súas ofertas. O prazo de execución dos traballos é de 10 meses.

 

Este novo traballo de entidade hidráulica da Xunta forma parte das distintas actuacións propostas no Plan Director de saneamento do núcleo urbano de Lalín, elaborado por Augas de Galicia, que van posibilitar xa as primeiras obras de mellora do saneamento no núcleo da vila.

 

Trátase da execución das obras do tanque de tormentas do río Pontiñas e dos novos colectores, actuación recollida como prioritaria no Plan director.  A Xunta prevé iniciar os traballos no último trimestre do ano e telos rematados a finais do 2023, xa que teñen un prazo de 12 meses. As obras suporán un investimento autonómico de máis de 6,7 M€.

 

Estudo de alternativas

O adxudicatario do contrato licitado hoxe partirá da información recompilada no citado Plan Director de saneamento do municipio, elaborado por Augas de Galicia, para acometer o correspondente estudo de alternativas de mellora da depuradora da Corredoira. Deste xeito, o adxudicatario deberá avaliar as diferentes posibilidades de ampliación, así como a posible execución dunha nova depuradora.

 

Tras realizar os traballos previos, nos que se inclúen a poboación de deseño, as cargas contaminantes e os caudais, o adxudicatario deberá facer unha ou varias propostas de solución tecnolóxica para a ampliación e mellora da actual planta de tratamento de augas residuais ou para a construción dunha nova instalación, que garanta o cumprimento do obxectivo de vertido.

 

No caso de que se propoña a construción dunha nova depuradora, deberán ser analizadas as diferentes tipoloxías posibles, así como os emprazamentos factibles, considerando os múltiples condicionantes que lle afectan.

 

Será necesario, en calquera caso, analizar as liñas de tratamento contempladas e realizar na contorna da actuación próxima aos cursos fluviais, estudos de inundabilidade para determinar as zonas de fluxo preferente e de dominio público hidráulico, co obxecto de garantir a autorización da localización da depuradora e dos novos colectores que sexan necesarios.

 

Este contrato cofinanciarase polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.