Máis de 120.000 mozos e mozas menores de 21 anos dispoñen dos beneficios da tarxeta Xente Nova, que permite realizar viaxes por toda Galicia nos autobuses da Xunta de xeito gratuíto

Rexistráronse máis de 24.000 altas máis con respecto ao ano anterior nas mesmas datas
 

O Goberno galego ten investido máis de 4 M€ a estes abonos no que vai de ano
 

A provincia da Coruña é a que conta con máis usuarios desta tarxeta, máis de 65.000, seguida de Pontevedra, Lugo e Ourense
 

Por áreas, A Coruña, Vigo e Santiago encabezan o rexistro de beneficiarios da ‘Xente Nova’
 

A tarxeta ‘Xente Nova’ é unha iniciativa social de fomento do transporte público que a Xunta puxo en marcha no ano 2016, para facilitar a mobilidade dos mozos e mozas
 

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2022

Máis de 120.000 mozos e mozas menores de 21 anos dispoñen da tarxeta ‘Xente Nova’, que permite realizar viaxes por toda Galicia gratis nos autobuses de competencia autonómica.

 

A medida pioneira implantada pola Xunta para garantir a gratuidade do transporte público segue a mellorar a súa acollida, acadando este mes de agosto esa nova cifra. Con respecto ao mesmo período do ano anterior, rexistráronse 24.000 altas de tarxetas máis, incrementándose asimesmo as bonificacións: no que vai de ano destináronse máis de 4 millóns de euros a estes abonos.

 

Deste xeito, desde o inicio do programa, a provincia da Coruña é a que rexistra máis usuarios da tarxeta ‘Xente Nova’, máis de 65.000. Os concellos con máis dispositivos para viaxar gratis no autobús da Xunta son A Coruña, con máis de 9.000; Santiago de Compostela, con máis de 5.000; Ferrol, con preto de 5.000; e Oleiros e Ames, con case 4.000.

 

Séguea Pontevedra provincia, con case 40.000 tarxetas expedidas. Vigo conta con case 11.000 usuarios, seguido do municipio de Pontevedra, con máis de 4.000; e Cangas, con preto de 3.000.

 

A provincia de Lugo conta con preto de 7.000 tarxetas activas e a de Ourense, con algo máis de 6.000. As respectivas cidades de provincia son as que rexistran máis beneficiarios, máis de 2.000 en ambos os casos.

 

Máis en detalle, por áreas, a da Coruña é a que rexistra máis usuarios da tarxeta Xente Nova, un total de 30.741. Séguea Vigo, con 23.221 tarxetas expedidas, e Santiago, con 15.577.

 

A maiores, na área de Ferrol contabilízanse actualmente 11.385 beneficiarios; na de Pontevedra, 8.803; na de Ourense, 6.395; e na de Lugo, 3.328. Os restantes municipios suman un total de 20.706 tarxetas emitidas.

 
 

A tarxeta ‘Xente Nova’ é unha iniciativa social de fomento do transporte público que a Xunta puxo en marcha no ano 2016, cos obxectivos de contribuír á economía das familias e facilitar o acceso dos mozos a servizos básicos como a educación, especialmente a non obrigatoria.

Imaxes relacionadas