A Policía Autonómica detén a presunta autora dun incendio rexistrado no concello coruñés de Ribeira

A presunta autora provocou o lume cun chisqueiro a carón da estrada

Vense de esclarecer tamén un lume en Ames que afectou preto de 7,5 hectáreas de monte arborado

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 36 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

A Xunta ten abertas diversas liñas de investigación relativas a lumes rexistrados nas últimas semanas

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2022

A Policía Autonómica detivo a presunta autora dun incendio acontecido o pasado 24 de xullo, na parroquia de Oleiros, no concello coruñés de Ribeira.

 

Froito das investigacións, detívose unha muller como presunta autora dun lume intencionado que afectou unha superficie de 0,01 hectáreas de monte raso, provocado cun chisqueiro a carón da estrada e fronte a unha gasolineira. Segundo sinala a Policía Autonómica, é a segunda vez que se tramitan dilixencias contra esta muller como presunta autora de incendios forestais na zona. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución en funcións de Garda de Ribeira.

 

Esclarecemento en Ames

A Policía Autonómica vén de informar tamén do esclarecemento doutro incendio rexistrado en Ames o pasado 5 de agosto e que afectou preto de 7,5 hectáreas de monte arborado. Tras a investigación determinouse que o lume presuntamente foi provocado por unha persoa ao prender lume cun chisqueiro nunha xornada de temperaturas altas e vento forte.

 

No esclarecemento contouse coa colaboración da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) e da Policía Local e Protección Civil de Ames.

 

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 36 persoas como presuntas autoras de incendios forestais. Ademais, a Xunta ten abertas diversas liñas de investigación relativas a lumes rexistrados nas últimas semanas.

 

Ante a climatoloxía actual, a Xunta apela á concienciación e á prudencia nos accesos e traballos en terreos agrarios de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.