A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá os traballos acompañada do alcalde da localidade

A Xunta dotará o IES de Mugardos de dúas novas aulas para os talleres de xardinaría e floraría

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade inviste na habilitación destes dous espazos preto de 50.000 euros
 

Os traballos, que comezaron a pasada semana, están incluídos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
 

Mugardos (A Coruña), 12 de agosto de 2022

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde da localidade, Juan Domingo de Deus Fonticoba, supervisou esta mañá os traballos de acondicionamento de dúas novas aulas para o ciclo formativo de Agroxardinaría e composicións florais no IES de Mugardos. En concreto habilitarase un espazo para o taller de xardinaría e outro para o de floraría.

 

Os traballos, executados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, suporán un investimento de preto de 50.000 euros da administración autonómica. “As obras comezaron a pasada semana e se prevé que estean finalizadas antes do inicio do próximo curso”, sinalou Aneiros durante a visita na que tamén participou o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, e o director do centro, Serafín Álvarez.

 

Medio millar de actuacións

A través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica o Goberno galego prevé realizar medio millar de actuacións ata 2023, o que supón melloras en catro de cada dez centros escolares nos vindeiros tres anos.

 

Trátase dunha iniciativa pioneira que busca reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, onde a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe.

 

Un dos seus eixes estruturais pasa por configurar nos centros espazos máis amplos e saudables, accesibles e inclusivos e dotados de mobiliario móbil e adaptado ás medidas de cada ciclo, abatible, amoreable e de fácil almacenamento.

Imaxes relacionadas