O campo de voluntariado ‘Centinelas do mar’ da Xunta impulsa o uso de drons para limpar o litoral galego

Os mozos, de entre 18 e 30 anos, recoñecerán a zona mediante drons para logo achegar-se por mar a recoller os residuos

Esta limpeza mellorará o acceso ás zonas máis complicadas da costa e evitará que o lixo chegue ás praias

Os voluntarios poderán gozar tamén das festas de San Roque, patrón da localidade de Portonovo, que comezarán este domingo coa tradicional sardiñada
 

 Sanxenxo (Pontevedra), 11 de agosto de 2022 A Xunta de Galicia impulsa o uso de drons para a recollida de residuos no litoral da nosa comunidade a través do campo de voluntariado Centinelas do mar, unha actividade totalmente novidosa este ano que se celebra en Sanxenxo. Ata alí se achegou esta mañá a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel.

 

Os 15 mozos que forman parte deste programa, de entre 18 e 30 anos, recoñecen a costa mediante drons, co que se introducen no uso desta útil ferramenta tecnolóxica. Unha vez identificadas as zonas onde é necesario intervir, desprázanse ata elas, mediante caiac ou tabla de padle surf, para recoller os residuos que se atopan nas mesmas. Así, a eliminación deste lixo, prexudicial para o medio mariño, facilita tamén o acceso a zonas dificultosas da costa e evita que estes materiais acaben nas praias.

 

Ademais, os participantes poderán achegarse ás festas patronais da localidade de Portonovo, que darán comezo no mediodía deste domingo coa tradicional sardiñada no seu porto. Tamén visitarán, aproveitando a súa estadía no Salnés, lugares como a illa da Toxa, O Grove, incluíndo a praia da Lanzada, ou o Pazo de Quintáns, no propio Sanxenxo, e percorrerán rutas como a do viño ou a dos carballos de Aldariz.

 

Durante o seu encontro cos voluntarios, Cristina Pichel destacou a importancia de manter limpas as costas e praias de Galicia. Así, puxo en valor este campo de voluntariado, impulsado polo Goberno galego, como un excelente medio para conseguilo. Neste sentido, lembrou que esta experiencia, ademais de concienciar aos máis novos sobre o coidado da natureza, lles achegará habilidades transversais fundamentais para o seu desenvolvemento.

 
A maior campaña de verán da historia

Este programa é un dos nove novos campos de voluntariado que forman parte da campaña de verán do Executivo autonómico, que conta coa maior oferta da historia. Baixo o lema O verán que queres contar, ofrece máis de 10.800 prazas, que inclúen tamén campamentos, minicampamentos Coñece Galicia e prazas para a organización de actividades por parte de entidades sociais.

Imaxes relacionadas