A Xunta activa unha liña de axudas pioneira en Galicia para apoiar a pemes e autónomos no desenvolvemento de proxectos de loxística avanzada e sostible

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, informou destes apoios en Porto do Molle (Nigrán)-aos que se destinan 1,5 millóns de euros- durante unha visita á empresa IATECC, especializada no desenvolvemento de solucións para a automatización e dixitalización de procesos loxísticos
 

As axudas pretenden impulsar proxectos que permitan reducir custos, prazos de entrega e impacto ambiental, así como mellorar a calidade do servizo a través da automatización e dixitalización dos procesos, a implantación da loxística inversa ou a aposta pola analítica de datos
 

Os apoios, abertos ata o 15 de setembro, enmárcanse no Plan de medidas para o aforro e a eficiencia enerxética da Xunta

Nigrán (Pontevedra), 11 agosto de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, informou esta mañá da nova liña de axudas, pioneira en Galicia, para que pemes e autónomos poidan impulsar proxectos de loxística avanzada e sostible.

 

Conde referiuse a estes apoios durante a visita que realizou esta mañá en Porto do Molle (Nigrán) á empresa IATECC, especializada no desenvolvemento de solucións para a automatización e dixitalización de procesos loxísticos. Alí tivo a oportunidade de coñecer as propostas tecnolóxicas que está compañía está ofrecendo aos seus clientes -de sectores tan diversos como a automoción ou o agroalimentario- co obxectivo de mellorar a competitividade empresarial a través da mellora da función loxística.

 

Contar cun bo sistema loxístico é clave para a apertura comercial, a mellora da competitividade e o crecemento económico. Por iso, estas axudas pretenden que pemes e autónomos poidan desenvolver proxectos que lles permitan reducir custos, prazos de entrega e impacto ambiental, así como mellorar a calidade do servizo.

 

O novo programa facilitará a posta en marcha de iniciativas centradas na dixitalización e automatización; de propostas vinculadas a procesos e aplicacións como implantación de procesos de loxística inversa ou recuperación ou reciclaxe de materiais de envasado; e, por último, proxectos vencellados á analítica de datos. “As axudas están destinadas á modernizacion tecnolóxica da función loxística pero tamén buscan a sostibilidade e reducir a pegada de carbono. Galicia quere anticiparse desde o punto de vista da sotibilidade e a eficiencia a través da loxística”, subliñou Conde.

 

As axudas, de concorrencia competitiva, estarán abertas ata o vindeiro 15 de setembro e contan con dúas modalidades: pemes e autónomos a través de proxectos individuais; e agrupacións de pequenas e medianas empresas a través de iniciativas colectivas (mínimo de dúas empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador).

 

Os apoios cubrirán ata o 35% dos investimentos para as pequenas empresas e o 25% para as medianas, ademais do 50% dos custos das colaboracións externas, cun límite máximo de subvención de 100.000 euros en iniciativas individuais, e de 100.000 euros multiplicados polo número de empresas nos proxectos colectivos.

 

Esta nova orde de apoios enmárcase no Plan de medidas de aforro e eficiencia enerxética impulsado por Galicia e vén dar resposta ás necesidades loxísticas actuais co obxectivo de facer fronte aos retos actuais.

 

Conde agradeceu ao Clúster da función loxística de Galicia o seu labor e colaboración coa Xunta pola súa aposta pola modernización, o impulso á innovación e á loxística 4.0; así como por facer de Galicia un enclave estratéxico. De feito, destacou que os datos das exportacións galegas -que o ano pasado superaron a barreira dos 25.000 millóns de euros e que nos primeiros cinco meses de 2022 rexistraron unha suba do 22,6% con respecto ao mesmo período do ano anterior- non se entenderían sen un servizo loxístico de calidade como o que ofrece Galicia. “Este sector está demostrando as súas capacidades instaladas e os datos de exportacións son un bo exempo de como Galicia está sabendo competir desde o punto de vista do produto, dos procesos e tamén no eido loxístico”, explicou.

Imaxes relacionadas