A Xunta adxudica por preto de 1 M€ as obras para a execución das sendas das Vendas e Santa Baia, en Esgos e no Pereiro de Aguiar

Os traballos iniciaranse ao longo de setembro e teñen un prazo de execución de 6 meses

Executaranse dous itinerarios que sumarán 3 km de lonxitude, separando o tráfico rodado da vía do tránsito dos peóns mediante diferentes elementos, para reforzar a seguridade viaria dos usuarios máis vulnerables da estrada

A senda nas Vendas estenderase durante un 1 km, comezando no cruce de Ordelles para transcorrer polo concello de Esgos ata rematar no cruce de acceso á Cabalgada

En Santa Baia a senda discorrerá ao logo de 2 km, desde a glorieta da OU-536, no punto quilométrico 8+800 ata o 11, reducindo nun punto os carrís aos 3 metros de ancho para encaixar o itinerario sen afectar a un muro con protección do patrimonio cultural

Instalaranse 4 novas marquesiñas para garantir unha espera máis confortable aos veciños que se desprazan en transporte público

Estes novos itinerarios enmárcase no Plan de Sendas de Galicia na comarca de Ourense, que recolle un investimento de 7,1 M€ para a execución de 16 km de novas sendas
 

 

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2022 A Xunta adxudicou por preto de 1 millón de euros as obras de execución das sendas das Vendas e Santa Baia, nos concellos de Esgos e do Pereiro de Aguiar.

 

A intervención, adxudicada á empresa Oresa Construcción y Servicios Globales, S. L., iniciarase previsiblemente na primeira quincena de setembro, despois dos actos expropiatorios que se realizarán a finais de agosto.

 

Estes novos itinerarios executaranse pola marxe esquerda da vía autonómica OU-536, e sumarán algo máis de 3 km de lonxitude, ao seu paso polos citados municipios ourensáns.

 

A actuación prioriza o reforzo da seguridade viaria dos usuarios vulnerables da estrada, especialmente dos peóns, e o fomento da mobilidade sostible, máis respectuosa co medio.

 

A primeira senda, nas Vendas, iniciarase no límite entre os municipios de Esgos e O Pereiro, no cruce de Ordelles, transcorrendo logo integramente por este concello de Esgos ata rematar no cruce de acceso á Cabalgada. Será un itinerario de preto de 1 km.

 

A outra senda, a de Santa Baia, discorrerá polo municipio veciño do Pereiro de Aguiar, nun treito de 2 km, desde a glorieta da OU-536, no punto quilométrico 8+800 ata, aproximadamente, o quilómetro 11 da estrada. Neste caso hai un punto onde será necesario reducir os carrís, aos 3 metros de ancho, para encaixar o itinerario sen afectar a un muro que ten protección do patrimonio cultural.

 

As sendas terán ancho variable, cun mínimo de 2 metro, e pavimento de formigón coloreado, agás nun treito que será en cor natural para unha mellor integración.

 

Os itinerarios estarán separados da estrada por diferentes elementos: cuneta revestida e con perfil de seguridade; vexetación máis bordo; bordo, ou a combinación destes 3 elementos, para separar o tráfico rodado dos peóns, reforzando a seguridade.

 

Tamén se executarán cunetas de seguridade e traballos de drenaxe, reposición de servizos afectados, preinstalación de alumeado público, reposición de sinalización.

 

Instalaranse asemade 4 novas marquesiñas para garantir unha espera máis confortable aos veciños que se desprazan en transporte público.

 

A intervención está financiada con fondos europeos FEDER do programa operativo 2014-2020 e ten un prazo de execución de 6 meses.

 

Estes novos itinerarios están incluídos no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Ourense, dotado dun investimento de 7,1 M€ para executar 16 km de sendas, e véñense sumar ás 2 sendas licitadas en xaneiro e marzo no concello de Ourense.