A Xunta adxudica as obras de reparación de canalización de pluviais na estrada PO-532, no Concello de Pontevedra

Os traballos desenvolveranse na glorieta de acceso ao Hospital de Montecelo, para evitar problemas de filtracións
 

A actuación, adxudicada por preto de 40.400 €, comezará nas vindeiras semanas
 

Repararase o colector desde o seu interior, mediante o encamisado con manga de fibra de vidro
 

Inspeccionarase a tubaxe cun equipo robotizado e se procederá á súa limpeza coa aspiración de residuos cun camión reciclador combinado de alta presión
 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora, acondicionamento e reparación da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras
 

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de reparación e conservación da canalización de pluviais na estrada PO-532, no concello de Pontevedra.

 

A actuación, adxudicada á empresa Canalis Soluciones Tecnológicas S.L. por un importe de preto de 40.400 euros, comezará nas vindeiras semanas.

 

Os traballos desenvolveranse entre os puntos quilométricos 0+885 e 1+010, na glorieta de acceso ao Hospital de Montecelo, para evitar problemas de filtracións.

 

A actual canalización da rede de pluviais está composta por un colector de formigón de 400 mm de diámetro, que xera filtracións ao terreo que causan afección en edificacións lindeiras, nunha lonxitude de 130 metros. Dado que o colector está situado baixo a calzada, non é viable abrir unha gabia e substituír o tubo por outro novo, porque afectaría á funcionalidade da estrada.

 

Así, procederase á reparación do colector desde o seu interior, mediante o encamisado con manga de fibra de vidro.

 

Inspeccionarase a tubaxe cun equipo robotizado e procederase á súa limpeza coa aspiración de residuos cun camión reciclador de augas combinado de alta presión, e fresado de obstáculos mediante un robot fresador autopropulsado.

 

Tamén se realizará un by-pass con equipo de bombeo provisional, e o encamisado do colector farase con manga continua autoportante, de fibra de vidro e poliéster. Deste xeito obterase un novo tubo interior ao existente, estanco e sen xuntas.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora, acondicionamento e reparación da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.