Os Concertos do Xacobeo da Xunta recalan en Vilalba o 16 de agosto coa actuación de Beret

Lugo, 10 de agosto de 2022

Os Concertos do Xacobeo que organiza a Xunta de Galicia continúan percorrendo a provincia e o vindeiro 16 de agosto recalará en Vilalba o coñecido compositor e cantante sevillano Beret. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, presentou hoxe o concerto, que será gratuíto e terá lugar no Campo da Feira a partir das 22.00 horas. 

 

Arias lembrou que a Xunta programou máis de 100 eventos musicais diferentes para todos os públicos en medio cento de localidades galegas ata o mes de novembro, para celebrar este Ano Santo extraordinario. A programación, engadiu, contribúe a facer do Xacobeo un revulsivo para a industria cultural e un elemento dinamizador en todo o territorio.

 

Francisco Javier Álvarez Beret comezou a súa carreira autoeditando as súas cancións en plataformas dixitais e no ano 2019 publicou o seu primeiro álbum de estudio, Prisma. É autor de grandes éxitos como Si por mi fuera, Te echo de menos ou Lo Siento.

Imaxes relacionadas