A Xunta emite informe ambiental favorable ao proxecto para continuar a AG-59 entre a Tamallosa e Estrada

O DOG publica hoxe o anuncio polo que se fai pública a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, que inclúe unha serie de condicionados para garantir a mínima afección aos valores da contorna

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia acaba de informar favorablemente desde o punto de vista medioambiental ao proxecto de construción do treito A Ramallosa (Teo)-enlace PO 841, pertencente á autovía AG-59.

 

Así se recolle no anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, no que se informa da declaración de impacto ambiental emitida ao respecto pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

 

Trátase dun tramo de 7,5 km integrado por un total de 15 estruturas correspondentes a 3 viaductos —un deles sobre o río Ulla—; 7 pasos inferiores; 3 superiores; 2 muros e 16 drenaxes transversais. O obxectivo desta actuación é darlle continuidade ao trazado entre a AP-53 e A Ramallosa, actualmente en servizo, para conectar tamén por autovía os concellos de Teo e A Estrada.

 

Así, unha vez analizada a actualización do proxecto construtivo deste treito e considerando que as alegacións presentadas e os informes emitidos polos órganos sectoriais foron tidas en conta na súa redacción, o departamento autonómico emite declaración de impacto ambiental favorable na que se inclúen unha serie de condicionados para garantir a mínima afección da infraestrutura aos valores do medio e a protección dos elementos patrimoniais presentes na contorna.

 

Con esta resolución, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon fin á tramitación ambiental do proxecto construtivo, unha decisión que tamén lle foi trasladada á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), como organismo promotor, para que poida continuar cos trámites necesarios para a súa execución.