A Xunta achega a Palas de Rei o concerto de ‘Danza Invisible’ e ‘La Guardia’, da man do Xacobeo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do evento musical, con entrada gratuíta e que terá lugar pasado mañá ás 22.00 horas

Palas de Rei (Lugo), 9 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia achegará ata o municipio de Palas de Rei o concerto dos grupos ‘Danza Invisible’ e ‘La Guardia’, nun evento musical que chega da man do Xacobeo 21-22, como colaborador do ciclo Los 40 Clasics- Locos por Galicia. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado polo alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, presentou hoxe o concerto, que será gratuíto e que terá lugar pasado mañá xoves, ás 22.00 horas, na Praza de Galicia.

 

No transcurso da presentación, Arias salientou que “este tipo de festivais xogan un papel fundamental na dinamización cultural e turística dos concellos da provincia, en especial no marco deste dobre Ano Santo”. Neste sentido, fixo fincapé na aposta da Xunta de Galicia por “descentralizar a programación e impulsar ou apoiar actividades que cheguen ao máximo número de localidades e á maior cantidade de xente posible”.

 

A nova proposta musical para Palas de Rei achegará á comarca da Ulloa a dous dos grupos de pop máis salientables dos oitenta, responsables dalgúns das cancións máis emblemáticas da banda sonora da época. ‘La Guardia’, con Manuel España á cabeza, máis ‘Danza Invisible’, con Javier Ojeda ao fronte, serán os encargados de facer soar en Palas de Rei os temas míticos do pop español.

Imaxes relacionadas