A Xunta lanza hoxe a convocatoria para impulsar novos centros de fabricación avanzada

Conde visitou hoxe en Santiago as obras dun destes espazos de innovación e de uso compartido entre empresas, que recibiu o apoio do Goberno galego na edición anterior e que formará parte do Polo Biotecnolóxico da Sionlla
 

Apunta que este polo se converterá no núcleo de todo o ecosistema galego do sector, facilitando ás empresas o acceso a servizos innovadores, como laboratorios para actividades de I+D+i
 

O novo centro contribuirá coa súa posta en marcha en 2023 a ensanchar as bases dunha industria xa consolidada en Galicia, subliñando que en 2021 se situou como a segunda comunidade máis bioemprendedora

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovacion, Francisco Conde, visitou hoxe na Sionlla (Santiago de Compostela) as obras de construción do centro de fabricación avanzada que vai formar parte do Polo Biotecnolóxico que vertebrará todo o ecosistema deste sector en Galicia.

 

No novo centro, que se prevé poñer en marcha en 2023, colaboran, ademais da Xunta, que achega 4 millóns de euros, a Asociación Área Empresarial do Tambre, a Cámara de Comercio de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela, a través de Uninova, ademais da implicación do tecido produtivo. Tal e como lembrou Conde, “conformamos unha alianza moi importante para consolidar este proxecto en Galicia e para que sexa ese elemento tractor que necesita o sector”. Así, o vicepresidente económico incidiu en que será “un elemento vertebrador de iniciativas” que permitirá “tanto captar e atraer talento como consolidar proxectos industriais”.

 

As futuras instalacións van estar a disposición das empresas do sector, que van poder acceder a servizos innovadores adaptados ás súas necesidades, como laboratorios para actividades de I+D+i, equipamento compartido e instalacións de uso común. A infraestrutura enmárcase no Polo Biotecnolóxico da Sionlla, que fará de Galicia un referente neste sector. De feito, Galicia xa é a segunda comunidade autónoma máis bioemprendedora de España, albergando o 21% das empresas biotech nacidas o ano pasado en todo o Estado. Ademais, Galicia ocupa a sexta posición con máis empresas biotecnolóxicas, cunhas 54 sociedades que facturan unha media de 6,4 millóns de euros.

 

Hoxe mesmo publícase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova convocatoria que a Xunta de Galicia puxo en marcha para a creación de novos centros de fabricación avanzada. O orzamento total para este programa é de 15 millóns de euros. Este martes actívase a primeira fase, con 5 millóns de euros para grandes empresas e aberta á presentación de solicitudes ata o 10 de outubro. Nunha seguinte fase convocaranse 10 millóns de euros dirixidos a pemes.

 

Na primeira edición os apoios foron destinados, ademais de ao centro biotecnolóxico do Tambre; á cidade das TIC na Coruña; ao centro de servizos avanzados Galicia TurisTIC en Vilagarcía de Arousa; á planta piloto de Inleit en Curtis e ao centro de fabricación avanzada de lácteos de alto valor engadido de Acolat en Caldas de Reis.

 

O obxectivo deste programa é poñer en marcha espazos de innovación abertos e de uso compartido, como vai ser o centro de servizos biotech, dotados do equipamento tecnolóxico preciso para o seu uso por parte de toda a cadea de valor de sectores especializados. Búscase así xerar sinerxías para impulsar a competitividade dos sectores estratéxicos e do tecido empresarial.

Imaxes relacionadas