A Xunta recibe 11 ofertas para executar as obras da senda entre A Ponte e Santa Cataliña, no concello de Santa Comba, cun investimento de 177.000 €

A previsión é iniciar os traballos, que teñen un prazo de execución de 4 meses, a finais de ano ou comezos do seguinte

O novo itinerario habilitarase ao longo de 450 metros da estrada AC-404 co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade a pé dos veciños

Construirase un muro de contención de máis dun metro de altura ao longo de 8,5 metros, para salvar o desnivel no terreo e soster a senda, evitando afectar o rego das Dornas

A actuación enmárcase na aposta da Xunta pola mobilidade sostible e saudable, que se traduce xa na execución de 200 km de sendas en toda Galicia cun investimento de 50 M€

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a impulsar a construción de novas sendas para que os veciños poidan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro, sustentable e saudable

Santiago de Compostela, 9 de agosto 2022

A Xunta recibiu un total de 11 ofertas de empresas para executar as obras da senda entre A Ponte e Santa Cataliña, no concello de Santa Comba, que estarán rematadas na primavera cun investimento de 177.000 euros.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé adxudicar os traballos en torno ao mes de novembro e inicialos a finais de ano ou comezos de 2023, cun prazo de execución de 4 meses.

 

O novo itinerario, habilitarase ao longo de 450 metros da estrada AC-404 co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade a pé dos veciños.

 

Esta senda, fundamentalmente de uso peonil, vai permitir aos veciños facer os seus desprazamentos cotiáns de xeito máis cómodo, máis seguro e tamén máis saudable, evitando o uso do coche e facilitando camiñar.

 

A vía executarase pola marxe dereita da estrada autonómica, no treito de 450 metros comprendido entre A Ponte e Santa Cataliña que mellorará o tránsito peonil ao unir as beirarrúas actuais, nos treitos anterior e posterior, coa nova senda que se vai a habilitar, acadando un itinerario continuo que conecta os principais equipamentos.

 

Este novo itinerario terá un ancho de 1,80 metros, acorde ás beirarrúas existentes, e irá separado da estrada por un bordo de formigón e unha gabia de seguridade de 1,20 metros.

 

Tamén se executará un muro de contención de máis dun metro de altura ao longo de 8,5 metros para salvar o desnivel no terreo e soster a senda sen afectar o rego das Dornas. Ademais, colocarase barreira metálica ao longo de 12,50 metros sobre o muro e completaranse os traballos coa reposición da sinalización necesaria.

 

A intervención conta con financiamento comunitario dos fondos REACT-EU, de resposta da Unión Europea fronte á pandemia da covid-19.

 

Esta actuación enmárcase na aposta da Xunta pola mobilidade sostible e saudable, que se traduce xa na execución de 200 km de sendas en toda Galicia cun investimento de 50 M€.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a impulsar a construción de novas sendas co obxectivo de dotar os veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro, sustentable e saudable.