A Xunta remata as obras da nova senda peonil na estrada AC-413 na Tablilla, no concello de Cerceda, cun investimento de máis de 120.000 €

Executouse un itinerario de máis de 400 metros na marxe esquerda da estrada para reforzar a seguridade viaria e favorecer os desprazamentos a pé dos veciños

A intervención, que tamén beneficia ao municipio de Tordoia, incluíu a execución da rede de pluviais, de alumeado público, reposición e sinais e marcas viarias de bordo da calzada

A Xunta continúa a habilitar, nas estradas da súa titularidade, itinerarios peonís seguros, sustentables e integrados na paisaxe

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2022

A Xunta rematou as obras da nova senda peonil na estrada autonómica AC-413, na entrada ao núcleo da Tablilla desde Ordes, no concello de Cerceda.

 

As actuacións, que supuxeron un investimento de máis de 120.000 euros, benefician tamén aos veciños do municipio de Tordoia. 

 

Executouse unha senda na marxe esquerda da estrada, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 11+960 e 12+385, coa finalidade de seguir mellorando a seguridade viaria na contorna e dotar un itinerario peonil continuo ao longo da vía que facilita os desprazamentos a pé dos veciños.

 

O novo itinerario, de máis de 0,4 quilómetros, proxectouse en formigón cor terrizo natural e limitouse da calzada por un bordo que o diferencie do resto da plataforma. O ancho do itinerario acadou os 2 metros.

 

Nesta actuación incluíuse a execución da rede de pluviais, rede de alumeado público, reposición de sinais e marcas viarias de bordo da calzada.

 

A intervención foi financiada con fondos europeos REACT-UE como parte da resposta á covid-19, dentro do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

 

A Xunta segue dando cumprimento ao seu compromiso de habilitar nas estradas da súa titularidade itinerarios peonís seguros, sostibles e integrados na paisaxe.

 

De xeito complementario, a Xunta ten solicitado á Dirección Xeral de Tráfico a instalación de medidas para o control de velocidade na recta da Tablilla, de cara ao calmado de tráfico e ao reforzo da seguridade viaria nesa zona.

Imaxes relacionadas