A Xunta ofrece case unha trintena de cursos destinados aos servizos de emerxencias no marco do plan de formación continua da AGASAP

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe os cursos de formación continua dirixidos a persoal das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencias supramunicipais (GES) e servizos municipais de protección civil e emerxencias

Leváranse a cabo desde mediados de setembro ata finais de novembro de forma presencial na AGASP ou en liña e os interesados terán de prazo desde mañá ata o 9 de setembro para inscribirse

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as resolucións polas que se convocan case unha trintena de cursos de formación continua para os servizos de emerxencias da comunidade no marco do plan formativo da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

 

En concreto, trátase de 13 actividades destinadas ao persoal das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) xunto con outras 15 para os servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencias supramunicipais (GES) e servizos municipais de protección civil e emerxencias. Os cursos impartiranse desde mediados de setembro a finais de novembro tanto na modalidade presencial nas instalacións da AGASP, así como semipresencial ou en liña.

 

No caso dos módulos destinados aos voluntarios de Protección Civil inclúense contidos relacionados cos dispositivos ante grandes concentracións de persoas ou en plans de emerxencias, accidentes en estradas e procedementos na regulación do tráfico, busca de persoas desaparecidas, actuación inicial con vítimas de violencia de xénero, rescates en lugares de difícil acceso e navegación e rescate en vehículos 4x4, condución de vehículos todoterreo, comunicacións de emerxencias, entre outros.

 

No que se refire ás actividades para persoal de servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencias supramunicipais (GES) e servizos municipais de protección civil e emerxencias impartiranse nos próximos meses cursos sobre intervencións con risco eléctrico, en espazos confinados, con autoescaleiras ou con vehículos especiais; rescates en ríos, riadas e inundacións, na contorna urbana, en ascensores ou de animais; técnicas de excarceración de vítimas en accidentes de tráfico, de extinción de incendios en interiores ou apertura de portas en edificios e vehículos. Outras das actuacións centraranse na investigación causal de incendios e a busca de persoas desaparecidas no medio rural con equipos caninos e outros medios.

 

En ambos procedementos, o prazo de inscrición comeza mañá e prolongarase ata o 9 de setembro para poder presentar as solicitudes desde o formulario de matrícula telemática dispoñible na web da AGASP (http://agasp.xunta.gal) . A Academia publicará nesta mesma web unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso.

 

Cómpre lembrar que AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén, coma neste caso, dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar ás novas promocións de Policía Local ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas.

 

A Academia conta con cursos nun completo plan de formación continua dirixidos a persoal da Policía Local e os profesionais dos corpos e forzas de seguridade do Estado que traballan en Galicia, isto é, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil, xunto cos servizos de emerxencias incluídos nas dúas resolucións publicadas hoxe.

A Xunta aposta pola prevención como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias e leva realizando un importante investimento en apoio ao mantemento dos servizos de emerxencias e na dotación de equipamento, tanto das AVPC e dos GES cun importante investimento de máis de 22 millóns de euros nos últimos anos, así como colaborando no financiamento anual dos GES e dos consorcios provinciais e comarcais de bombeiros.