O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantivo un encontro telemático con representantes dos municipios de Pontevedra, Sanxenxo, Marín, Poio e Bueu para informalos da evolución da situación de prealerta por escaseza de auga

A Xunta traslada aos concellos da bacía do Lérez a necesidade de intensificar a redución do consumo da auga para garantir o abastecemento na área

Aínda que o caudal medio do río está estable nos últimos días, os datos de consumo no sistema de abastecemento de Pontevedra non amosan descenso

A situación do caudal medio do río está en torno os 1,68 m³/s, sendo os datos do consumo total a día de hoxe de 0,51 m³/s

Augas de Galicia insiste na necesidade de reducir o gasto de auga e insta aos Concellos a incidir nas medidas de aforro adoptadas e a implementar outras novas

A Xunta agarda o resultado das analíticas das mostras de auga do oco mineiro do Ventoxo, en Forcarei, para valorar a posibilidade de empregala para realizar achegas ao caudal do río Lérez

Os resultados deben confirmar se a auga encorada ten calidade para consumo humano e se é compatible coa vida do río

No caso de que as analíticas sexan favorables, realizarase unha obra de emerxencia para transvasar a auga desde o oco ao rego Ventoxo, afluente do Lérez, e levar caudal ao río
 

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2022

A Xunta trasladou hoxe aos concellos da bacía do Lérez a necesidade de intensificar a redución do consumo de auga para garantir o abastecemento na área.

 

O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantivo un encontro telemático con representantes dos municipios de Pontevedra, Sanxenxo, Marín, Poio e Bueu para informalos da evolución da situación de prealerta por escaseza de auga.

 

Gonzalo Mosqueira explicou que a situación do caudal medio do río mantense estable nos últimos días, situándose en torno o 1,68 m3/s, sendo os datos do consumo total a día de hoxe de 0,51 m3/s. A este respecto, puntualizou que os datos dos caudais totais consumidos no sistema de Pontevedra amosan o esforzo que están desenvolvendo os distintos concellos para reducir os consumos, aínda que no caso de Pontevedra hai un repunta nos últimos días.  Neste sentido, na reunión manifestouse o interese por coñecer o traballo que se está realizando desde o Concello de Pontevedra para intentar delimitar con maior precisión a parte do caudal que se corresponde ao consumo do propio municipio, para poder delimitar con maior precisión eses incrementos.

 

O xerente de Augas de Galicia reiterou que dado que aínda está a comezar o mes de agosto é preciso facer un consumo responsable da auga, evitando usos innecesarios, para garantir o abastecemento e o mantemento do caudal ecolóxico.

 

A Xunta insta aos Concellos a seguir incidindo nas medidas de aforro xa adoptadas e implementado outras novas, como por exemplo o Concello de Sanxenxo, que pechou a piscina municipal para tratar de salvar a época estival coas garantías das reservas de auga.

 

Solucións alternativas

De xeito paralelo, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa avanzando en solucións alternativas para asegurar as achegas ao caudal do Lérez, que abastece a Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo e Bueu.

 

Augas de Galicia estudou a semana pasada mediante drons as características da auga do oco mineiro de Ventoxo, en Forcarei, co fin de avaliar se cumpre os requisitos para facer achegas ao río Lérez.

 

O organismo hidráulico está á espera de dispoñer dos resultados definitivos destas analíticas para confirmar se a auga encorada encorada ten a calidade necesaria para consumo humano e se é compatible coa vida do río.

 

No caso de que as analíticas sexan favorables, Augas de Galicia procederá a facer unha obra de emerxencia para transvasar a auga desde o oco mineiro cara ao rego Ventoxo, afluente do Lérez, para achegar caudal a este río.

 

Cómpre lembrar que a auga das balsas das minicentrais existentes augas arriba do Lérez xa se están empregando actualmente para manter o caudal ecolóxico do río e para conseguir manter o seu caudal en valores estabilizados, de en torno ao 1,7 m³/s.