A Xunta demanda a retirada do Real Decreto de aforro e eficiencia enerxética para consensuar medidas que teñan un impacto real para as familias e o tecido produtivo

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, trasladou esta mañá na Conferencia Sectorial de Enerxía a “máxima colaboración e implicación” de Galicia no desenvolvemento de actuacións que permitan baixar a factura da luz e contar así cun prezo eléctrico competitivo e estable


Apunta que a normativa estatal só xerou incertezas sobre a súa aplicación e aposta polo diálogo para identificar actuacións compartidas polas administracións públicas e o sector privado
 

 Santiago de Compostela, 8 agosto de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, demandou hoxe na Conferencia Sectorial de Enerxía a retirada do Real Decreto de aforro e eficiencia enerxética, que, tal e como lembrou, “non foi consensuado en ningún momento coas comunidades autónomas nin cos sectores produtivos”. Así, avogou por que se poida atopar un acordo e tomar medidas cun impacto real “nese obxectivo compartido para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética”.

 

Neste sentido, o responsable de Economía, Industria e Innovación trasladou ao Goberno que desde a Xunta de Galicia se ofrece “a máxima colaboración e implicación de Galicia” no desenvolvemento deste tipo de actuacións, pero dándolle prioridade ao que están pedindo tanto familias como tecido produtivo.

 

Así, sinalou a importancia de baixar o prezo eléctrico para que sexa competitivo e estable, corrixir o impacto sobre a inflación, e impedir a paralización da actividade en determinadas industrias. A este respecto, lembrou que o sector industrial está atravesando nestes momentos por “moitísimas dificultades” polo prezo enerxético, tanto eléctrico como de gas, unha situación que, tal e como apuntou, está afectando xa ao emprego.

 

Conde salientou que a normativa estatal “o único que xerou foron dúbidas e incertezas sobre a súa aplicación” e insistiu en apostar polo diálogo para que, tal e como marca a Comisión Europea, se poidan identificar medidas compartidas, tanto desde as administracións públicas como do sector privado, pensando no impacto que poidan ter no comercio, no turismo, na restauración e na industria.

Imaxes relacionadas