A Xunta terá no vindeiro ano unha nova unidade móbil de doazón de sangue na área sanitaria de Ourense

A Consellería de Sanidade vén de adxudicar o contrato desta nova unidade móbil, por un importe de 353.380 euros


O Executivo galego continúa así coa renovación e modernización do parque móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS)
 

 

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2022 A Xunta de Galicia terá no vindeiro ano unha nova unidade móbil de doazón de sangue na área sanitaria de Ourense, logo de que a Consellería de Sanidade procederá a adxudicar o contrato de licitación á empresa Talleres La Campilla, S.L., por un importe de 353.380 euros.

Con esta medida, a Xunta de Galicia continúa coarenovación e modernización do actual parque móbil de ADOS. No 2018 adquiríronse dúas novas unidades, para as áreas de Santiago e Pontevedra, por valor de 561.440 euros. Posteriormente incorporouse outra á Área de Vigo, cun investimento de 326.000 euros. E no 2021 iniciouse a licitación da que recentemente comezou a prestar servizo na área da Coruña, por un importe de 324.000. Isto, xunto con esta unidade móbil que agora se adxudica para Ourense, fai que se eleve a 1,5 millóns de euros o investimento total nesta renovación.

O Goberno galego quere poñer de manifesto con esta adxudicación a importancia da mellora na prestación do servizo á cidadanía, lembrando que cada día son necesarias entre 400 e 500 doazóns de sangue para cubrir adecuadamente as necesidades de compoñentes sanguíneos dos nosos centros sanitarios.

Os datos do balance do pasado ano da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue reflicten que as doazóns acadadas no 2021 supuxeron unha taxa de 39,4 doazóns por cada mil habitantes e ano, cifra que posicionou á nosa Comunidade Autónoma no terceiro posto do ránking nacional. Estas cifras significan 1.650 doazóns máis con respecto ao ano 2020, un incremento significativo tendo en conta que o 2021 continuou marcado pola pandemia.

Dende ADOS quérese agradecer a todas e todos os doadores o seu compromiso nestas circunstancias tan especiais, que ten permitido aumentar o número de doazóns, así como acadar 6.887 novos doadores, un 9% do total, que se incorporaron á base de doantes de Galicia que, na actualidade, supera os 425.000.

Saúdos do Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade

Imaxes relacionadas