O Museo Camilo José Cela amplía o seu horario ante o incremento do turismo cultural no Camiño Portugués

A recuperación no número de visitantes e a ampla demanda que está a suscitar a Ruta Xacobea propicia este incremento de horas para visitar o legado do Nobel


Actualiza as tarifas, incluíndo novos colectivos gratuítos e con descontos e volve a ofertar visitas guiadas á exposición permanente
 

 Padrón (A Coruña), 8 de agosto de 2022

A Xunta vén de ampliar o horario do Museo Camilo José Cela coincidindo coa recuperación do número de visitantes e a ampla demanda de turismo cultural que está a suscitar o Camiño Portugués. Deste xeito, agora poderá visitarse de martes a sábado de 10,00 a 14,00 horas e de 16,30 a 20,00 horas.

 

Ademais, o museo actualiza as súas tarifas, incluíndo novos colectivos gratuítos e con desconto e volve a ofertar as visitas guiadas á exposición permanente ás 12,00 e ás 17,00 horas. Con estas medidas, e coincidindo coa inauguración da exposición fotográfica Fe. Tino Martínez, a Fundación Camilo José Cela volve converterse nun espazo de integración entre as artes, a literatura e a cultura tradicional galega.

 

Máis de 30 fotografías das romarías dos Milagres de Amil, O Nazareno ou Santa Marta de Ribarteme poden contemplarse no museo á vez que se coñece a figura e obra de Camilo José Cela e a historia máis recente co Museo Ferrocarrileiro John Trulock, ás portas de cumprirse o 150 aniversario da construción da primeira liña férrea de Galicia.

 
XX aniversario

Despois do verán continuarase coa programación especial en conmemoración do XX aniversario do pasamento do escritor galego e na que terán cabida novas exposicións, xornadas académicas, encontros de escritores e actividades para todos os públicos nun ano no que o sector cultural galego está a recuperar definitivamente a súa actividade prepandémica.

Imaxes relacionadas