Fernández-Tapias clausura o obradoiro de emprego xuvenil de Vigo no que se formaron 16 alumnos en deseño gráfico web e dinamización de proxectos

A delegada territorial de Xunta incidiu no fin de mellorar a empregabilidade e incrementar as oportunidades laborais do alumnado cunha formación de calidade

O Goberno galego destina este ano 1,8 millóns de euros a cinco talleres dos que se beneficiaron 80 mozas e mozos da área territorial de Vigo nos últimos 12 meses
 

Vigo, 8 de agosto de 2022

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse hoxe ata o Centro Cívico do Casco Vello de Vigo para clausurar o obradoiro de emprego xuvenil no que se formaron 16 mozos e mozas vigueses en deseño gráfico web e dinamización de proxectos. Un taller ao que o Goberno galego destinou preto de 370.00 euros co obxectivo, tal e como destacou a representante autonómica, de “ofrecer ás persoas demandantes de emprego unha cualificación especializada que incremente as súas posibilidades de atopar un traballo”.

 

Neste sentido, Fernández-Tapias, animou ao alumnado que vén de rematar a súa formación a “seguir formándose e a aproveitar ao máximo a oportunidade que se lle brindou no último ano”.

 

Durante a súa intervención no acto de clausura e entrega de diplomas, a representante autonómica incidiu na tripla dimensión “formativa, laboral e de servizo público” destes obradoiros que permitiron, recordou, que 80 mozas e mozas menores de 30 anos da área territorial de Vigo se beneficiaran destes programas..

 

Así, tras sinalar que as políticas de emprego do Goberno autonómico supoñen un investimento que supera os 12 millóns de euros no conxunto da comarca viguesa, detallou os 4,8 millóns de euros que a Consellería de Emprego e Igualdade destina a impulsar 5 obradoiros duais na área territorial (Vigo, Redondela, Mos, Gondomar e Salvaterra) e 3 destinados a menores de 30 anos (Vigo, Redondela e Mos).

 

Nesta mesma liña, proseguiu que se trata de “experiencias formativas que teñen en conta a realidade social e económica de Galicia, adaptándose á demanda das empresas da contorna”, ao tempo no que salientou a simbiose entre formación e emprego destes obradoiros como fórmula de éxito.

Asemade, resaltou que este tipo de iniciativas “son o mellor exemplo de que cando as distintas administracións traballan en conxunto os beneficios para os cidadáns multiplícanse”, en clara alusión a actuación dos concellos como entidades promotoras dos obradoiros.

Os obradoiros duais son o Coidando Miñor, que Gondomar comparte con Nigrán e Baiona; o taller Sustentable que promoven Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño; o Granxa da Rúa de Cangas; o Labora V de Moaña; a segunda edición do Redondela Máis que Bela; o obradoiro Porriño Labora; esta convocatoria do Vigo Capacita; o Somos Mos; e o obradoiro forestal nos montes vigueses a cargo da Mancomunidade.

 

A estes súmanse cinco para persoas mozas nos concellos de Vigo (2), Redondela, Moaña e o Val Miñor. Neste caso, os participantes, ademais de recibir formación de calidade, contan cun contrato de traballo de 12 meses de duración.

Imaxes relacionadas