A xunta publica no DOG o cambio de titularidade a prol do Concello de Ames da avenida da Peregrina de Bertamiráns

A transferencia enmárcase na colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a entidade local para acondicionar este tramo de vía, cun investimento autonómico de case 82.000 euros


A Xunta asumirá o financiamento íntegro das actuacións, que deberán ser licitadas e executadas polo Concello de Ames


Co cambio de titularidade, o Concello terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento
 

 Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2022 A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do cambio de titularidade a prol do Concello de Ames da avenida da Peregrina, que é o treito inicial da estrada AC-544 en Bertamiráns.

 

Esta transferencia enmárcase no convenio de colaboración da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade co Concello de Ames para acondicionar este tramo de vía, cun investimento autonómico de case 82.000 euros.

 

Este treito de vía autonómica, que discorre polo núcleo urbano de Bertamiráns, é coñecido como a avenida da Peregrina e atópase plenamente integrado na malla urbana, polo que o convenio recolle a asunción da titularidade por parte do Concello.

 

O obxectivo é a mellora do tramo da estrada AC-544 que vai desde a intersección coa avenida da Maía ata o punto quilométrico 0+610, sumando unha lonxitude de 610 metros.

 

En canto ás actuacións establecidas no convenio, a Xunta asumirá o seu financiamento íntegro e o Concello redactará o proxecto, licitará as obras e tamén as executará.

 

As actuacións propostas inclúen o fresado de toda a superficie do tramo da vía para nivelar a súa rasante, así como a reposición da capa de rodadura nos dous carrís, beiravías e bandas de estacionamento, con mestura bituminosa en quente.

 

Tamén se renovará a sinalización horizontal, reporanse as liñas existentes e pintaranse vaos, zonas de carga/descarga, prazas de aparcadoiro para persoas con mobilidade reducida, pasos de peóns, símbolos e frechas.

No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta o pasado 21 de xullo: https://bit.ly/3QwCzw5

O decreto ten efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Polo tanto, desde mañá, o Concello de Ames terá a competencia para actuar neste treito e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.