A Xunta solicita a desactivación da situación 2 no incendio forestal activo en Ponte Caldelas, parroquia de Xustáns

A situación operativa neste incendio -que rolda as 380 hectáreas provisionais- desactívase ao remitir o risco para núcleos de poboación

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2022 A Consellería do Medio Rural acaba de solicitar a desactivación da Situación 2 no incendio forestal activo no concello pontevedrés de Ponte Caldelas, parroquia de Xustáns. Esta situación operativa de emerxencia decretárase pola proximidade do lume ao núcleo da Canicouva, no municipio lindeiro de Pontevedra, pero o risco xa remitiu.

Este incendio iniciouse ás 19,35 h. do pasado venres e rolda as 380 hectáreas afectadas de xeito provisional. Ata o momento mobilizáronse para controlalo 5 técnicos, 24 axentes, 58 brigadas, 41 motobombas, 4 pas, 1 unidade técnica de apoio, 8 avións e 10 helicópteros. Tamén se desprazou á zona a Unidade Militar de Emerxencias (UME).  

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento:
C. do Medio Rural