O presidente da Xunta asistiu á gala solidaria da Asociación Española contra el Cáncer na Toxa

Rueda garante o compromiso da Xunta de seguir destinando recursos para avanzar na investigación, prevención e tratamento do cancro

O Grove (Pontevedra), 6 de agosto de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu hoxe o compromiso do Goberno galego de seguir destinando recursos para avanzar na investigación, prevención e tratamento do cancro.

 

Rueda asistiu á gala solidaria da Asociación Española contra el Cáncer na Toxa, onde puxo en valor as actuacións e medidas de prevención e innovación do Executivo autonómico para avanzar na loita contra o cancro. En concreto, referiuse aos programas actuais de detección precoz no de mama e no colorrectar e salientou tamén a expansión que se está a facer no de cérvix para que chegue a toda Galicia ao longo do vindeiro ano.

 

Nesta liña tamén situou as melloras implantadas no Servizo Galego de Saúde nas fases de diagnóstico e tratamento coa creación das vías rápidas, coas que se está conseguindo atender en menos de 15 días a pacientes sospeitosos dunha patoloxía grave. Nalgúns casos, esta atención chega a prestarse en sete días.

 

Ademais, destacou que a posta en marcha do decreto de garantías de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias está asegurando a atención hospitalaria programada e non urxente nun prazo de 60 días para intervencións cirúrxicas e de 45 días para as primeiras probas diagnósticas.

 

O presidente da Xunta puxo en valor a aposta pola innovación do Goberno autonómico, como considerou que demostra a instalación de sete robot cirúrxicos Da Vinci de alta precisión, que xa teñen realizado máis de 1.500 intervencións no seu primeiro ano de funcionamento, gran parte delas relacionadas coa extirpación de tumores en distintos órganos.

 

Centro pioneiro e punteiro en Galicia de protonterapia

Finalmente, o presidente da Xunta anunciou a incorporación ao sistema sanitario galego da protonterapia para o tratamento de tumores sensibles. Para iso, avanzou que se instalará en Santiago de Compostela un equipo coa intención de que sexa o primeiro dos que se porán en marcha en España.

 

Este centro, segundo concretou, ofrecerá tamén os seus servizos a Asturias, Zamora, León e norte de Portugal. “Será un centro punteiro que xerará actividade investigadora ao seu redor”, enxalzou o presidente da Xunta de Galicia.

 
 

Imaxes relacionadas