A Xunta pon en valor a excelencia do turismo galego no izamento da bandeira azul e o Q de Calidade turística no Club Náutico de Portosín

O número de establecementos e servizos turísticos galegos co distintivo Q incrementáronse un 40% en dez anos

Galicia, con 15 instalacións náuticas deportivas certificadas, é líder neste segmento en relación ao resto de comunidades autónomas costeiras
 

Portosín-Porto do Son (A Coruña), 6 de agosto de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe no izamento das bandeiras de Q de Calidade turística e Azul no Club Náutico de Portosín, onde destacou que grazas a calidade e o compromiso da Comunidade coa excelencia, acadáronse este ano 15 distintivos Q para outros tantos portos deportivos de Galicia e 166 bandeiras azuis que ondean en 112 areais, 11 portos deportivos, 14 centros e 29 sendeiros.

Os establecementos galegos co selo Q, que certifica estándares de calidade turística, aumentaron un 40% en dez anos. Neste senso, Castro destacou que a calidade é un sinal de identidade do noso destino turístico, “Galicia Calidade é moito máis ca unha frase o un slogan, representa o impulso cara a excelencia no que levamos traballando desde hai moito tempo desde a Xunta de Galicia”.

Neste sentido, Galicia, coas 15 instalacións náuticas deportivas certificadas co Q, é líder neste segmento en relación ao resto de comunidades costeiras de España.

Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia destacou a importancia de acadar este tipo de distincións que contribúen á dinamización turística e posicionamiento do destino como destino de calidade debido a que constitúen un elemento determinante na toma de decisións para un importante e numeroso colectivo, tanto de turistas nacionais como internacionais.

“Esta calidade é conseguida tras a aposta por un traballo constante no que diariamente se pretende a procura da cultura do detalle e o perfeccionamento” finalizou Castro.

Imaxes relacionadas