A Xunta conclúe os traballos de estabilización de Noiros de ata 18 metros de altura no Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra

Para poder construír o muro perimetral de contención contra o actual edificio foi necesario fixar placas metálicas nunha superficie de máis de 900 metros lineais

Nesta fase final da cimentación usouse un sistema avanzado, que maximiza o aproveitamento da superficie de edificación

O proxecto supuxo desafíos construtivos polas alturas dos noiros e porque as perforacións discorren baixo as cimentacións do hospital en funcionamento

A construción dun muro ancorado e flexible tivo como paso previo unha intensa campaña xeotécnica, na procura do sistema de estabilización de noiros máis axeitado ás condicións do solo e da obra

O Goberno galego continúa avanzando na execución do Hospital Público Gran Montecelo que nesta 1ª fase supón un investimento de máis de 130 M€
 

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2022

A Xunta concluíu os traballos de estabilización de noiros de ata 18 metros de altura no Hospital Público Gran Montecelo, en Pontevedra.

 

A nova infraestrutura hospitalaria supera así outra fase de alta tecnificación, polas características do proxecto e polo reto de avanzar nas obras sen interferir nin alterar o funcionamento do actual edificio hospitalario.

 

Para darlle continuidade á parte final da cimentación do novo edificio foi necesario executar a estabilización de noiros mediante unha técnica de contención e reforzo do terreo que emprega perforacións, bulóns (pezas cilíndricas), armadura electrosoldada e proxección de formigón (técnica de gunitado).

 

Como paso previo, foi necesario realizar unha intensa campaña xeotécnica, con sondaxes e mostras do terreo, que determinou a elección do sistema de estabilización de noiro máis axeitado ás condicións de solo e da obra do Hospital Público Gran Montecelo.

 

Así, tras analizar a compoñente estrutural xeotécnica, optouse pola técnica de “Soil Nailing”, que no caso particular desta obra cobrou especiais características e dimensións, ao presentar os noiros alturas de 12 a 18 metros; e tamén polo feito de que as perforacións discorren por debaixo das cimentacións do actual edificio hospitalario.

 

Muro perimetral co hospital actual

O emprego deste sistema de estabilización de noiros permitiu construír o muro perimetral de contención contra o hospital actual.

 

Para iso foi preciso instalar 85 bulóns e actuar sobre unha superficie de máis de 900 metros lineais, mentres que a superficie de gunitado (proxección de formigón) achegouse aos 800 metros cadrados.

 

Destaca a colocación dunha malla electrosoldada en toda a superficie do noiro e a instalación de elementos para a posible evacuación de augas internas do macizo. Esta fase da cimentación rematou co emprego de placas planas metálicas para a fixación dos bulóns.

 

Os traballos, executados en menos de dous meses, foron avanzando de forma secuencial en bancadas cunha altura máxima de 2,25 metros. O sistema empregado logra así aumentar a verticalidade dos noiros de escavación para un máximo aproveitamento da superficie de edificación.

 

Outras vantaxes adicionais da técnica de “Soil Nailing” empregada son que permite actuar de xeito simultáneo na estabilización e na escavación, e que se adapta ao traballo de pequenos equipos en zonas de acceso limitado por falta de espazo, ao tempo que constitúe unha solución rápida e eficaz.

 

Os traballos de execución do Hospital Público Gran Montecelo continúan a avanzar a un ritmo intenso, tanto na parte estrutural como na de edificación, para converterse no gran equipamento asistencial de referencia para os máis de 300.000 potenciais usuarios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.  

 

Este proxecto transformador do Hospital Público Gran Montecelo é posible grazas a un esforzo investidor da Xunta de máis de 155 millóns de euros, cunha primeira fase en execución que supón unha achega autonómica de máis de 130 millóns de euros.

 
 

Imaxes relacionadas