A Xunta impulsa a inclusión educativa e laboral da poboación xitana a través dun convenio de colaboración coa fundación Secretariado Xitano

Financiará con 66.000 € actuacións para previr o abandono escolar, fomentar os estudos superiores e favorecer a inclusión no mercado de traballo dos 13.000 xitanos galegos

Este acordo dá continuidade ao apoio que brinda o Goberno galego a esta entidade dende hai máis de 20 anos
 

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2022

A Xunta de Galicia impulsa a inclusión educativa e laboral da poboación xitana a través dun convenio de colaboración coa Fundación Secretariado Xitano. O documento foi ratificado esta semana pola Consellería de Política Social e Xuventude e implicará un investimento de 66.000€.

 

Esta axuda financiará dous dos seus programas de atención. Por unha banda o programa Promociona, destinado a evitar o abandono escolar e fomentar a realización de estudos superiores por parte da poboación xitana. En segundo lugar, axuda á posta en marcha do programa Acceder, que lle proporciona itinerarios integrados de inclusión sociolaboral para fomentar o seu acceso ao mercado de traballo.

 

A Xunta promociona o desenvolvemento destes programas para contribuír na normalización e inclusión dos 13000 xitanos de Galicia. Este convenio dá continuidade á estreita colaboración entre o Executivo autonómico e esta entidade. Así, este ano, ademais desta axuda de 66.000€, o Executivo autonómico financiou outros programas de inclusión da Fundación con 106.000€ procedentes do tramo autonómico das achegas do 0,7% do IRPF.

Imaxes relacionadas