A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisou hoxe a apertura deste novo desvío da estrada LU-651

A Xunta pon en servizo o novo acceso provisional a Folgoso do Courel, no que investiu 1 M€, e avanza que en setembro decidirá a solución definitiva para a reconstrución da LU-651

Vázquez Mourelle subliña a axilidade da Xunta na execución do acceso, iniciado o 24 de maio e rematado en só dous meses, pese ás dificultades do terreo e aumentando o orzamento inicial en máis de 117.000€
 

O desvío parte do punto quilométrico 17+650, na área de descanso, e conecta novamente coa estrada LU-651 no 18+470, superada a zona do desprendemento
 

Esta nova vía ofrece unha gran funcionalidade e permitirá o acceso a Folgoso a vehículos lixeiros e a camións e autobuses que agora mesmo teñen o paso restrinxido
 

Cando o estudo de alternativas estea rematado a Xunta tomará unha decisión de forma coordinada co Concello para a solución definitiva ao derrubamento do acceso a Folgoso do Courel
 

A conselleira adianta a reactivación a finais de agosto ou comezos de setembro da reforma da LU-651 entre Seoane e Ferrería Vella, cun investimento de case 3,5 M€
 

Traslada que Augas de Galicia colaborará con Folgoso mediante a reconstrución das instalacións xe abastecemento afectadas polos lumes

Folgoso do Courel (Lugo), 5 de agosto de 2022

A Xunta puxo en servizo hoxe o novo acceso provisional a Folgoso do Courel, no que investiu 1 millón de euros, e avanzou que en setembro decidirá a solución definitiva para a reconstrución da LU-651.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisou a apertura deste novo desvío da estrada LU-651, que constitúe o acceso provisional a este municipio, alternativo ao treito cortado da vía autonomica, onde se produciu un desprendemento.

 

Vázquez Mourelle subliñou a axilidade da Xunta na execución desta obra, tramitada a través dunha declaración de emerxencia. Sinalou que este acceso  comezou a construírse o 24 de maio e en tan só dous meses quedou executado nun contorno moi complexo, aumentando incluso o orzamento previsto en máis de 117.000 €.

 

Agradeceu o traballo e a celeridade dos técnicos e da empresa, pois aínda que a data de apertura estaba fixada para hoxe, o avance nas obras permitiu xa que o novo acceso puidese ser empregado nos labores de extinción e de evacuación dos graves lumes nas pasadas semanas.

 

Trátase dun desvío da estrada LU-651 que parte do punto quilométrico 17+650, na contorna da área de descanso, e conecta novamente coa vía autonómica no 18+470, superada a zona do desprendemento.

 

Sinalou que a pesar de que se trata dun desvío provisional, esta nova vía ofrece unha gran funcionalidade e permitirá o acceso a Folgoso tanto a vehículos lixeiros como a camións e autobuses que agora mesmo teñen o paso restrinxido.

 

Destacou a garantía non só da conectividade aos veciños, senón tamén a achega dunha alternativa eficaz para os visitantes e para a actividade económica.

 

Detallou que nesta actuación de emerxencia tan só resta concluír os labores de sostemento dos noiros, de forma compatible coa circulación de vehículos.

 

Cómpre lembrar que esta vía dálle resposta ao desprendemento ocorrido o 20 de marzo nun treito de 200 metros da estrada que constitúe o principal punto de acceso a Folgoso desde Quiroga e que quedou reducida nesa zona de Santa Eufemia a un gran socavón.

 

A Xunta, desde o primeiro momento, analizou tanto as causas precisas do acontecido como o mellor xeito de achegar solucións para facilitar a mobilidade, primeiro de forma provisional.

 

Solución definitiva

A conselleira indicou que de xeito paralelo a Xunta traballa na solución definitiva para a reconstrución da LU-651, ao que se procederá cando estea concluído o estudo de alternativas que se vén realizando nos últimos meses.

 

Precisou que hai sobre a mesa diferentes opcións, desde a reconstrución da ladeira desprendida con recheos ata a execución dun túnel ou viaduto, pasando por unha vía cun trazado alternativo.

 

Adiantou que en setembro, cando o estudo de todos os factores estea concluído, tomarase unha decisión de forma coordinada co Concello e porase en marcha a solución definitiva ao derrubamento do acceso a Folgoso do Courel.

 

Ademais apuntou que unha vez rematado este acceso provisional a Folgoso, a Xunta reactivará a finais de agosto ou comezos de setembro a reforma da LU-651 entre Seoane e Ferrería Vella, que suporá un investimento da Xunta de case 3,5 M€.

 

Engadiu que tamén se continuará traballando, da man da alcaldesa, para acompañar e axudar aos veciños afectados polos lumes, a través das diferentes liñas activadas pola Xunta, pero, tamén, desde Augas de Galicia para repoñer as instalacións de abastecemento danadas.

Imaxes relacionadas