A Xunta promove en ‘Equiocio‘ o consumo de produtos do mar coa campaña ‘Galicia sabe amar’

Rosa Quintana, destacou hoxe o potencial e a oportunidade de citas como este evento ecuestre para difundir a calidade dos peixes e mariscos de Galicia
 

Durante as xornadas deste certame, que se celebra no campo das Cabazas ata o 7 de agosto, o Goberno galego promove preto dunha decena de degustacións en colaboración con distintas entidades da cadea mar-industria
 

Ferrol, 5 de agosto de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o potencial e a oportunidade de citas como o evento ecuestre Equiocio para difundir a calidade dos produtos do mar de Galicia. Así o sinalou durante a inauguración oficial deste certame, no que Xunta está presente cun posto da campaña GALICIA SABE AMAR, coa que incide na importancia de comer peixes e mariscos e na gran variedade de produtos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición dos consumidores. 

 

Alí a conselleira estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e tamén puxo de relevo os valores que transmite Equiocio e a súa vocación inclusiva. Entre eles, o coidado do medio ambiente e o amor pola terra. Ademais salientou que se trata dunha cita que volve con forza sen restricións de aforo tralos anos de pandemia.

 

Equiocio Consciente Mar e Terra desenvólvese no campo das Cabazas (Covas-Ferrol) ata o 7 de agosto, día incluído. Trátase dunha proba deportiva ecuestre de alto nivel combinada con actividades de lecer familiar e vida saudable, no marco de valores como o respecto pola contorna, a sustentabilidade e o compañeirismo.

 

Durante os días deste certame, celebraranse preto dunha decena de degustacións de receitas elaboradas con peixes e mariscos no posto de GALICIA SABE AMAR. Das elaboracións das catas programadas para hoxe encárganse os chefs Maica Couto e Diego Domínguez, da Ostrería (Santiago de Compostela). Nelas poderase degustar bonito do norte, coa colaboración de Absa, e produtos do selo pescadeRías.

 

Mañá sábado o chef Alejandro Iglesias do restaurante Cabanas (Lalín) será o encargado das receitas da degustación da pescada do pincho, na que colabora a Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela. A outra cata desta xornada será a base de pratos elaborados por este profesional da cociña con conservas de produtos do mar e nela colabora Anfaco-Cecopesca.

 

O domingo realizarase outra degustación de conservas de peixes e mariscos con receitas elaboradas por Maica Couto e Diego Domínguez, que tamén se encargarán das elaboracións da degustación de mexillón organizada coa colaboración do Consello Regulador do Mexillón. Todas estas catas estarán acompañadas con viños das diferentes denominacións de orixe de Galicia.

Imaxes relacionadas