Fernández-Tapias anuncia medidas de aforro enerxético coa instalación de placas fotovoltaicas nos centros educativos

A delegada territorial da Xunta informou hoxe nunha visita ao CEE Saladino Cortizo da licitación dun paquete de obras encamiñadas á redución do consumo

No caso deste centro escolar de Educación Especial, os traballos consistirán na instalación destas fontes renovables, a substitución das luminarias, a reforma da casa do conserxe, a adaptación dun aseo e a construción dun patio inclusivo

O Goberno galego foi pioneiro na posta en marcha dun Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que contempla accións específicas para acadar espazos máis sostibles e cunha maior calidade ambiental, reducindo o consumo e mellorando o confort
 

Vigo, 4 de agosto de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo achegouse hoxe ata o CEE Saladino Cortizo, un dos centros de Educación Especial aos que a Xunta de Galicia dálle un novo impulso ao aforro enerxético coa licitación das obras para a dotación de instalacións solares fotovoltaicas.

 

Durante a visita, na que estivo acompañada polo xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade, César Pérez Ares, e parte da directiva do centro educativo, Fernández-Tapias cifrou en preto de 77.000 euros as inversións previstas polo Goberno galego no CEE Saladino Cortizo. Así, detallou que á instalación destas fontes renovables se suma a substitución de luminarias, a reforma da antiga casa do conserxe, a adaptación dun aseo e a construción dun patio inclusivo.

 

Estas obras enmárcanse dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego que senta os piares para a construción e reforma dos centros educativos nos vindeiros anos con espazos máis sostibles e cunha maior calidade ambiental. De feito, do total de 191M€ de orzamento do Plan, o 40,5% (77,5M€) están destinados a actuacións de sostibilidade e eficiencia enerxética.

 

Segundo destacou Fernández-Tapias, con este tipo de accións o Executivo autonómico “contribúe a avanzar na transición enerxética apostando por novas enerxías máis eficientes, á vez que trata de paliar os efectos da suba de prezos enerxéticos e de combustibles, agravados polo conflito en Ucraína”. “Na liña -dixo- das directrices de aforro acordadas por Bruselas para facer fronte á crise enerxética”.

 

Asemade, a delegada territorial referiuse a outras actuacións con este mesmo fin como as reformas enerxéticas e as rehabilitacións integrais en colexios e institutos, caso do IES Santa Irene, o IES San Toméde Freixeiro ou o Conservatorio Superior de Música en Vigo, e a instalación de centrais térmicas de biomasa.

 

Así pois, avánzase no impulso á renovación das instalacións públicas a través da redución do impacto medioambiental acadando sistemas máis eficientes desde o punto de vista enerxético, ao tempo que se promove unha cultura de respecto ao medio entre o alumnado, todo ilo encamiñado cara unha Galicia máis verde.

Imaxes relacionadas