A Xunta recibe 6 ofertas para executar as obras das sendas de Montecelo e Bormoio, en Coristanco, cun investimento de 777.000€

As obras iniciaranse no último trimestre do ano e estarán rematadas no verán do 2023

Construirase máis de 1,3 km de sendas na vía autonómica AC-552 que facilitarán a mobilidade dos veciños
 

O itinerario en Montecelo terá 800 metros e irá pola marxe esquerda da estrada, desde o final da senda que vén de Carballo ata a contorna do centro comercial
 

A segunda das sendas, en Bormoio, transcorrerá pola marxe dereita de Agualada e chegará ata o cemiterio de Agrilloi
 

A Xunta segue a apostar pola mobilidade sostible, despois de levar xa construídos 200 quilómetros de sendas en toda Galicia, cun investimento de 50 M€
 

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu as ofertas de 6 empresas para executar as obras das sendas de Montecelo e Bormoio, no concello de Coristanco, ás que se destinará un investimento autonómico de 777.000 euros para favorecer os desprazamentos a pé cara ao centro comercial.

 

A Xunta prevé que as obras se inicien no último trimestre do ano co obxectivo de que no verán do 2023 os veciños dispoñan xa dos novos itinerarios peonís, pois teñen un prazo de execución de 8 meses.

 

As sendas localizaranse en varios treitos da estrada autonómica AC-552, concretamente entre os puntos quilométricos 24+400 e 34+860, e 44+300 e 45+080. Os novos itinerarios darán continuidade á senda posta en servizo en febreiro, un itinerario de 2,5 km que vai desde a saída de Carballo ata o inicio das beirarrúas de Coristanco, cun investimento da Xunta de 1,1 M€.

 

Construiranse en total algo máis de 1,3 km de sendas en formigón coloreado en terra para facelas máis visibles e para unha mellor integración na contorna. Serán itinerarios de uso fundamentalmente peonil, cun ancho mínimo de 2 metros, que mellorarán a mobilidade dos veciños.

 

O primeiro dos itinerarios previstos na AC-552, en Montecelo, irá desde o final da senda que vén de Carballo ata a contorna do centro comercial. Executarase pola marxe esquerda da vía e terá unha lonxitude de 800 metros.

 

Neste treito hai unha zona onde xa hai beirarrúas, polo que a senda prevé a súa renovación, aproveitando o trazado e redefinindo a sección transversal. Na zona de solo rústico, onde non hai beirarrúas habilitarase a nova senda peonil e aproveitarase para acondicionar a curva existente.

 

No núcleo de Bormoio, onde se executará o segundo treito de senda, o itinerario terá unha lonxitude de 560 metros e irá pola marxe dereita da estrada, entre Agualada e o acceso ao cemiterio de Agrilloi. Neste treito, ao seu paso polo río Calvar, ampliarase a ponte mediante un voadizo que permitirá a integración na plataforma do espazo necesario para darlle continuidade á senda nese punto.

 

Os traballos completaranse coa mellora da drenaxe naquelas zonas onde xa existe rede de pluviais e, onde non hai, coa dotación de colectores e a colocación dos pozos de rexistro necesarios para a conexión cos sumidoiros, ademais de pequenos muros de contención.

 

As intervencións contan con financiamento da Unión Europea dos fondos Feder 2014/2020 e dos fondos REACT EU.

 

A Xunta segue a apostar pola mobilidade sostible, avanzando agora nestes novos treitos de senda na estrada AC-552, despois de levar xa construídos 200 km de sendas en toda Galicia e investidos 50 M€. Entre elas, destacan os 11 km executados coa 1ª fase do Plan de sendas de Bergantiños, con 5 M€ de investimento, e tamén cos que se iniciaron en xuño, en Soesto e Serantes, en Laxe; ou os que se impulsan en Ponteceso, en Xornes -xa en obras- e no Couto.