A Xunta activa como medida preventiva a situación 2 nun incendio forestal activo en Arbo, parroquia de Barcela

A situación operativa neste incendio decrétase pola proximidade do lume ao polígono industrial

Cabe engadir que tamén está activada como medida preventiva a Situación 2 nun incendio en Verín, parroquia homónima, pola proximidade do lume ao núcleo do Polvorín
 

 

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2022.- A Consellería do Medio Rural vén de activar -como medida preventiva- a Situación 2 nun incendio forestal activo arestora no concello pontevedrés de Arbo, parroquia de Barcela. Esta situación operativa de emerxencia declárase pola proximidade do lume ao polígono industrial deste municipio pontevedrés.

Este incendio entrou de Portugal ás 15,40 h. desta tarde e permanece activo arestora. Ata o momento mobilizáronse para controlalo 1 técnico, 4 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 2 avións e 3 helicópteros.

Ademais, a Consellería do Medio Rural ten tamén activada como medida preventiva a Situación 2 nun incendio forestal activo arestora no concello ourensán de Verín, parroquia homónima, pola proximidade do lume ao núcleo do Polvorín.

 

Este incendio iniciouse en tres focos ás 14,52 h. deste mediodía, polo que todo apunta a unha clara intencionalidade. Segundo as primeiras estimacións, afecta unha superficie de algo máis de 2 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 1 técnico, 3 axentes, 9 brigadas, 4 motobombas, 4 avións e 6 helicópteros.

 

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento:
C. do Medio Rural